Estes días pódense visitar na rúa do Cardeal de Monforte ata 18 paneis ilustrados sobre a vida e obra do poeta e xornalista celanovés Manuel Curros Enríquez. Cúmprense agora 100 anos da morte desta figura clave do Rexurdimento das letras galegas, que aló polo século XIX redescubriu a nosa lingua para a escritura xunto con Rosalía e Pondal. Esta cidade dedicoulle no seu día unha rúa. Agora, con esta mostra, preténdese amosar máis detalles sobre o autor de Aires da miña terra e O divino sainete. O alcalde monfortino, Severino Rodríguez, acudiu onte á inauguración baixo un ceo gris. Monforte non quixo esquecer a este home de forte carácter cuxo pai tratou de endereitar. Conta unha lenda de tantas que o seu proxenitor, nun arrebato de rabia, chegou a ciscarlle por riba un braseiro ardendo...
Os integrantes de oito agrupacións veciñais de vixilancia forestal recibiron onte diverso material na Casa de Cultura da Pobra do Brollón. De Folgoso do Courel acudiron os da asociación de veciños de Seceda; do Incio foron os de Foilebar, Trascastro, Mao e Vilar de Vara; tamén acudiron das asociacións de Piño, Abrence e Guímaro Motor e Saa. Emilio López, delegado provincial de Medio Rural, amosou o seu apoiou ao traballo desta xente, que non o dubida á hora de saír ao monte para protexer a súa riqueza natural. Son propietarios forestais, comuneiros e veciños que grazas á súa boa organización e ao seu empeño consiguen, ás veces, vencer ao lume.