Facendo espectáculo do pan

Natalia Díaz redac.monforte@lavoz.es

LEMOS

30 ago 2008 . Actualizado a las 02:01 h.

A que montaron onte os veciños de Salcedo, na Pobra do Brollón, para celebrar a Festa da malla. Cativos, rapaces, adultos e maiores achegáronse ao que en tempos era, ademais dun duro traballo, un punto de encontro entre veciños. A malla empezou coa intervención do actor Pepe Penabade, ao berro «malladores á aira». Por alí tamén andaba o alcalde e varios concelleiros da Pobra do Brollón, o delegado de Medio Rural Emilio López e o de Deportes Eduardo Fernández Abel , que por certo traballou moito e ben. Non faltou traballo para ninguén. Uns aos mollos, outros á malladora, as mulleres ao gran para botalo á máquina de limpar. Non faltaba detalle. De feito, os participantes na malla apareceron ataviados para a ocasión con sombreiros de palla, boinas e algún gorro de papel. Tamén había augadoras e non faltaba quen levara botixos e botas de viño, que como o sol apretaba con forza, logo baixaban. Ao final, houbo o que se quería, unha festa. Trala malla, celebrouse no local da Asociación de Veciños de Salcedo, organizadora do evento, a representación Pan. Catro propostas arredor da malla, do grupo Volta e Dálle Teatro. Esta compañía de teatro recuperou a tradición da malla non co fin de facer unha recreación folclórica, senón que se trata dun espectáculo moderno e vangardista que bota unha ollada con respecto sobre o que fomos e o que estamos a ser, criticando a globalización, a perda de identidade, dun método de vida e dunha calidade de vida. Para montar este espectáculo, os actores e o resto de membros do equipo mallaron, remallaron e volveron mallar, e ata un palleiro lles botaron por riba e todo para preparar unha montaxe atípica que gozou de gran acollida entre os veciños de Salcedo.