A Deputación inviste 575.000 euros na limpeza e mantemento de doce zonas verdes da provincia

Cristina López

LEMOS

A Sociedade Urbanística Provincial (Suplusa), dependente da Deputación, está a levar a cabo labores de conservación en preto dun millón de metros cadrados dunha ducia de zonas verdes da provincia de Lugo. Sete delas atópanse na propia capital; mentres que as restantes sitúanse nos concellos de Friol, O Incio, Navia de Suarna, A Pastoriza, Meira e Quiroga. Suplusa destina a este fin un total de 574.879 euros.

O deputado provincial de Medio Ambiente e Urbanismo, Miguel Ángel Sotuela, deu conta onte dos traballos de limpeza e mantemento desas áreas verdes, xestionadas pola Deputación. Así, os 755.637 metros cadrados sobre os que se vai actuar na cidade lucense correspóndense coa zona que une as Saamasas coa área recreativa de Los Robles; o espazo comprendido entre a vagoada e o Pazo dos Deportes, o lugar de desembocadura do río Fervedoira no Miño; o parque de Paradai; o sendeiro da estrada de Ombreiro; a zona que vai dende A Chanca ata Friás e o parque periurbano do río Fervedoira.

Nos municipios anteriormente citados, as tarefas de conservación de espazos verdes afectarán a un total de 215.532 metros cadrados, aos que habería que sumar os 4,5 quilómetros de lonxitude da área de Vilasouto, no concello do Incio.

Limpeza dos ríos

Ademais de informar das actuacións previstas, Sotuela aproveitou para supervisar in situ os traballos de limpeza do leito do río Fervedoira, na capital luguesa. Estes traballos deron comezo o pasado día 12 e consisten na retirada de maleza e sedimentos, mantendo iso si parte da vexetación necesaria para a cría de aves acuáticas. Estes labores terán unha duración dun mes e afectarán aos catro quilómetros de lonxitude que ten este afluente do Miño, comezando pola confluencia coa avenida de Madrid e rematando na estrada da Fonsagrada. O custo desta actuación é de oito mil euros.

O delegado provincial de Medio Ambiente e Urbanismo referiuse á limpeza dos ríos da capital -Fervedoira, Miño e Rato- como unha das tarefas máis importantes dentro dos traballos de mantemento de áreas verdes que Suplusa leva a cabo, xa que nalgúns casos había ata catro anos que ese adecentamento non se facía, polo que os leitos deses ríos acumulaban moitos lodos e vexetación. Coa limpeza integral que agora se vai realizar evitaranse desbordamentos en caso de choiva e mellorarase o saneamento e o aspecto desas cuncas fluviais, que permanecerán ben conservadas por máis tempo.

Por outra banda, Miguel Ángel Sotuela precisou que estas actuacións non se restrinxen ao período estival, senón que se desenvolven todo o ano, aínda que é agora, cando os ríos levan menos auga, cando se aproveita para proceder á limpeza dos seus leitos. Engadiu ademais que tamén se está actuando no entorno deses ríos e mesmo en espazos próximos. Neste sentido sinalou que no caso da capital luguesa está prevista a limpeza de fincas que están nas proximidades dos ríos antes citados e tamén a reparación de muros de contención que se atopan no entorno do Rato ou do Fervedoira.