Varias embarcacións tradicionais portuguesas engadíronse ás galegas na Festa do Río que xa se consolidou despois de cumprir o seu cuarto aniversario
27 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Durante moito tempo Monforte medrou de costas ao río e unha boa proba diso son as edificacións que custodian as marxes do Cabe ao seu paso pola cidade, que miran cara o outro lado. Para acabar con iso, a Concellería de Cultura en colaboración estreita coa asociación Barcas do Minho, organizou a Festa do Río que xa vai pola súa cuarta edición.
O día de onte amenceu espléndido para vestirse a xeito, coller a canoa de Kaiak-polo e botarse á auga como así fixeron moitos rapaces e algúns pais que non quixeron que os pequenos soltaran amarras de todo. Os menos arriscados preferiron quedar na beira e observar dende a sombra unha actividade cultural e deportiva que remata hoxe. «A Festa comezou hai catro anos e a idea xurdiu des que se atopara unha barca nunhas dependencias do Concello. O que se pretende é recuperar as embarcacións ao mesmo tempo que tamén mirar polo río», afirma Fernando Ibarra, membro de Barcas do Minho.
Un dos principais alicientes desta celebración que xa semella consolidada foi sen dúbida a presenza de seis embarcacións portuguesas que subiron dende Esposende, Vila do Conde, Lanhelas, Sarilhos Pequenos e Viana do Castelo ata esta parte da Ribeira Sacra. Polo mesmo orden, a Santa María dos Anjos, un barco de pesca do mar, as catraias Baltazar e Briosa, O Corvo (un carocho), o Borda do Mar e a bateira Nosa Señora da Graza dan nome a estas barcas que deixaron as augas de Portugal durante unha fin de semana para poder participar dentro das actividades encadradas no programa Verán no Cabe. Xunto coas portuguesas, ata Monforte achegáronse tamén embarcacións galegas procedentes de Bouzas, que trouxeron unha fanequeira, de Ferrol outra de mar e Cambados trouxo unha calmoseira, mentres que os de Coruxo viñeron cunha gamela; os de Campo Rairo de Sober botaron ao río unha lancha. Todas reuniron unha flota da que tamén formou parte un barco de Dornas, feita con dous troncos e unha plataforma de madeira no medio, unha barca de paso, que se usaba para cruzar a xente e os cestos con uvas, amais de sete de paseo monfortinas.
Pero a Festa do Río non só se desenvolve na auga. No Parque dos Condes, Belén López é a encargada de que os máis cativiños tamén se entreteñan nos xogos didácticos. «Por un lado buscamos que se divirtan e polo outro aprendémoslles a que distingan que peixes se poden pescar e cales non». Belén só lamentaba non ter canas de pescar abondo para todos, anque espera que hoxe ocorra o mesmo, pois di que iso sería un bo sinal.