Promoven no Courel un plano de recuperación dos soutos

AGRICULTURA

Cerca de cincuenta persoas participaron o pasado sábado en Seoane do Courel na presentación dun proxecto para a recuperación dos soutos de tres parroquias da zona que promove o enxeñeiro de montes José Manuel Blanco López e que ten por obxectivo fomentar o aproveitamento sostible dos recursos da serra. Segundo explicou o promotor da iniciativa, a idea xa foi presentada ás consellerías de Medio Rural e Medio Ambiente e á Deputación lucense. Estes organismos, sinala, «interesáronse no proxecto, pero piden que haxa un apoio claro por parte dos veciños para estudar posibles axudas».

A iniciativa que propón o enxeñeiro desenvolveríase nos soutos de Seoane, Meiraos e Esperante, abranguendo en conxunto unha superficie de en torno a 700 hectáreas de propiedades privadas. Blanco indica que estes tres soutos están unidos entre si, o que considera moi importante para a posta en prática do proxecto. As actuacións que prevé consistirían, por unha parte, nunha serie de operacións de silvicultura para mellorar o estado de conservación ambiental das masas boscosas. Ao mesmo tempo, levaríase a cabo a restauración de toda a infraestrutura tradicional dos soutos courelaos, o que comprendería a restauración de camiños, muros, sequeiros e outras construcións típicas.

Aínda que unha operación deste tipo melloraría as condicións de aproveitamento agrícola dos soutos, Blanco insiste en que ese non é non o obxectivo principal. «Despois poden xurdir iniciativas para aproveitar as castañas, a madeira, o mel ou outros produtos que poden dar estes bosques, pero o principal é garantir a conservación dos seus valores naturais e tradicionais. E unha ruta turística por estes soutos, ben organizada, pode dar ser cadra tantos beneficios como a recollida de castañas», apunta.

Blanco xa iniciou o sábado unha recollida de sinaturas para apoiar esta iniciativa, o que seguirá facendo ata o día 25. Entre os veciños que se interesaron polo proxecto están os integrantes da única asociación de produtores de castañas existente no municipio, O Castiñeiro, que está radicada precisamente na parroquia de Meiraos. Unha vez reunidas as sinaturas, Blanco volverá presentar o proxecto aos referidos organismos públicos dunha forma moito máis detallada, sinalando os presupostos necesarios para as operacións de rehabilitación. «Por agora non fixen un cálculo pormenorizado e non podo dicir nin de forma aproximada canto sería necesario investir para levar adiante o proxecto», di.

Parque natural

Ao seu parecer, o proxecto de creación dun parque natural no Courel fai conveniente trazar iniciativas de desenvolvemento sostible que sexan compatibles coa protección ambiental do territorio. «Penso que para unha experiencia deste tipo é mellor comezar por un espazo limitado como o destes soutos, pero a miña idea é que a iniciativa se estenda a outras partes do Courel e da provincia en caso de que teña éxito», comenta. José Manuel Blanco é oriundo do municipio e traballou durante varios anos na Universidade de Santiago na elaboración do primeiro plano de ordenación dos recursos naturais para o proxecto, xa abandonado, do parque natural Ancares-Courel.