As melloras nas estradas rematan cos restos templarios

Xaime López Arias

LEMOS

O derrubamento da Casa de Celeiro polas obras do corredor remata cun espazo que tiña un gran contido histórico

20 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Na actual parroquia de San Pedro de Maside, por uns días aínda se pode ver en pe a Casa de Celeiro, que agora desaparece, vítima das obras de acceso por estrada a vila de Sarria, da mesma maneira que no século XIX pola conxunción da estrada e ferrocarril desaparecera a que a precedeu.

Celeiro foi un lugar que naceu derredor da posesión templaria de Santo Estevo de Barbadelo ou de Requeixo, onde a Orde do Temple tivo un dos seus asentamentos galegos. A súa denominación alude ao lugar onde se gardaban os produtos do campo e a súa orixe parece consecuencia do asentamento da orde relixiosa e militar na vía xacobea.

En 1371 don Pedro, conde de Trastamara, de Lemos e do Sarria, do Bolo e Viana e Señor de Robreda, fixo doazón ao Mosteiro da Madalena das «miñas herdades do casar da Veiga e de Celeiro e de Manán que foron da Orde do Temple» permanecendo vencellada a Casa de Celeiro ao Mosteiro ata a Desamortización, e os seus moradores, levando o apelido González dende hai séculos foron unha especie de servidores de confianza da comunidade agostiña.

Apertura

A apertura da estrada de Sarria a Portomarín en 1860 (paralizada en Mouzos ata 1830) e a construción do ferrocarril (1876-1882) en dirección a Monforte supuxeron a desaparición da vella edificación, co alzado doutra nova, ao tempo que para servizo do paso a nivel se instalou unha casilla de ferroviarios, e no camiño de Santo estevo se puxo unha fábrica de curtidos.

En 1899 a familia dos Celeiro estaba formada por Manuel González Fernández e a súa muller Mareía Xosefa López Abelaira, de Meixente, e os seus fillos, Dores, Xosé, Manuela, Ricardo e María.

Na casa do paso a nivel vivían Xulio López González, de Begonte, con Casilda Otero e os seus fillos Xosé, Filomena e Ramona, que servían como guardeses as cancelas de ferro que pechaban o paso pola estrada cando pasaban os trens.

Agora, desaparecida hai anos a Casilla , a casa que deu nome ao lugar está a piques de desaparecer xa que unha ampla rotonda de distribución viaria vai asentada na Costa de Celeiro e un viaduto salvará o camiño de ferro e o río Celeiro para unila coa Rúa San Lázaro, constituíndo o que se converterá en poucos meses no acceso central a vila de Sarria.