O disfrace do Oso de Salcedo presentarase este mes nun museo internacional do Carnaval en Bélxica

La Voz

LEMOS

02 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O Museo Internacional do Carnaval e da Máscara da cidade belga de Binche aceptou unha oferta realizada recentemente pola asociación veciñal de Salcedo e decidiu incorporar aos seus fondos unha réplica do disfrace do coñecido personaxe do Oso que protagoniza o Entroido nesta localidade da Pobra do Brollón. Ademais de ceder o traxe, a asociación organizará unha conferencia no referido museo para dar a coñecer as características deste peculiar festexo. A presentación levarase a cabo a finais do presente mes.

O presidente da asociación veciñal que organiza esta festa, Felipe Castro, ten previsto viaxar a Binche por este motivo o próximo día 26. No acto de presentación tomarán parte tamén os investigadores franceses Yvon e Ange-Marie Dupuoy, que estudaron hai algúns anos o Entroido de Salcedo e o deron a coñecer a outros especialistas estranxeiros, como o etnólogo Jean-Dominique Lajoux, quen visitou o municipio o pasado ano para presenciar a súa celebración.

Maior difusión

O museo de Binche, que posúe unha ampla colección de máscaras e disfraces tradicionais de moitos carnavais europeos, xa conta desde algún tempo con outras mostras procedentes do Entroido rural ourensán. O feito de que Oso de Salcedo vaia estar presente neste centro suporá un importante paso na difusión do festexo, que ten un carácter único en Galicia e ofrece un especial interese para os investigadores, xa que podería ter unhas orixes particularmente remotas. Especialistas como Lajoux opinan que os festexos carnavalescos tradicionais protagonizados por figuras de osos poden descender de vellos rituais que se remontarían ata o Paleolítico. En tal caso, talvez poderían estar relacionados dalgún xeito con antigas crenzas relixiosas que perviviron ata os tempos modernos entre os pobos indíxenas de Siberia, que conceden unha grande importancia á figura mitolóxica do oso.

O próximo luns, por outra parte, o etnólogo francés Robert Bosch dará en Salcedo unha conferencia sobre os carnavais rurais da Cataluña francesa, nos que tamén está presente a figura do oso e que gardan moitas similitudes coa festa de Salcedo. Este acto celebrarase ás once e media da mañá, coincidindo coa presentación dunha revista editada pola asociación veciñal local.

O mesmo día, ás catro e media da tarde, comezará en Salcedo o festexo protagonizado pola figura do Oso. A celebración prolongarase cunha cea popular que se ofrecerá ás nove da noite e cunha verbena amenizada polas orquestras Amistad e Los Player's.