O Oso de Salcedo segue a gañar fama

LEMOS

O etnólogo francés Robert Bosch estudará as tradicións do Entroido de Brollón, que nos últimos anos xa chamaron a atención doutros investigadores estranxeiros

16 ene 2008 . Actualizado a las 11:01 h.

Ata hai algúns anos, a figura do Oso de Salcedo non era coñecida nin entre os especialistas no entroido rural galego e de feito non é mencionada nalgunhas obras bastante recentes sobre esta parcela das tradicións folclóricas. Pero o principal personaxe deste peculiar carnaval do municipio da Pobra do Brollón gañou ultimamente unha celebridade de alcance internacional que non deixa de crecer. O próximo festexo -o 4 de febreiro, luns de Entroido- contará coa presenza do etnólogo francés Robert Bosch, especializado no estudo das tradicións populares protagonizadas por figuras de osos. O ano pasado xa estiveron no Entroido de Salcedo por este mesmo motivo o etnólogo e documentalista francés Jean-Dominique Lajoux e o arqueólogo xaponés Tetsuya Amano. Previamente, a localidade recibira a visita de Yvon Dupuoy, un profesor francés afeccionado á investigación deste tipo de tradicións, que foi quen informou a Lajoux sobre a existencia do festexo de Salcedo.

Robert Bosch xa fixera anteriormente unha breve visita a Salcedo, pero non durante a celebración do Entroido, segundo indica Felipe Castro, presidente da asociación local de veciños, e nesa ocasión limitouse a recabar informacións sobre esta singular celebración. Desta vez, ademais de observar directamente a actuación do Oso e dos seus axudantes, dará unha conferencia sobre outras festas moi semellantes á de Salcedo que se conservan na rexión pirenaica.

Similitudes en Cataluña

Bosch publicou en 1987 un estudo sobre estas tradicións, titulado L'ours totem , no que se ocupaba especialmente da festa do oso que se celebra en Arles de Tec -en francés, Arles-sur-Tech-, unha pequena localidade da Cataluña francesa pertencente á comarca histórica de Vallespir. O investigador foi tamén unha das persoas que impulsaron nesa mesma época a recuperación do festexo, que entón levaba cerca de dúas décadas sen celebrarse. Na mesma comarca de Vallespir encóntrase a localidade de Prats de Molló, que conserva tamén unha antiga e coñecida festa do oso.

A conferencia de Robert Bosch comezará posiblemente ás once e media da mañá do propio luns de Entroido, unhas horas antes de que o Oso de Salcedo saia ás rúas da poboación. Previamente será presentada unha revista editada pola asociación de veciños que incluirá un amplo estudo sobre as tradicións locais do Entroido. Ademais da figura do Oso, a revista abordará a historia das representacións de teatro popular que se celebran en Salcedo nesas datas e que están a punto de cumprir cincuenta anos. A publicación irá acompañada dun DVD.

Non será esta a única iniciativa cultural relacionada co Oso de Salcedo que se desenvolverá durante o próximo Entroido. A asociación Lugopatrimonio ten previsto organizar unha excursión desde a capital da provincia para levar aos seus socios a Salcedo a participar no festexo. O 25 deste mes, por outro lado, a asociación promoverá en Lugo unha conferencia na que se presentará a publicación antes mencionada e na que participarán representantes da asociación veciñal de Salcedo. Este acto comezará ás oito da tarde no salón de actos da sede da Deputación.