«Queriamos vivir nun lugar histórico. O tema do coche é algo secundario neste caso»
BERGONDO
Querían vivir nun lugar con historia e conseguírono. David Martínez e Begoña Méndez son arquitectos e uns dos novos veciños que se foron vivir hai pouco ao entorno da Rúa dos Ferreiros, no centro histórico brigantino. Primeiro mudáronse hai tres anos e pico para traballar no seu estudo Bmdma Arquitectos e agora están tamén arraxando outra casa. «Foi unha opción vital», explica David, que naceu no concello veciño, en Bergondo.
-Pero aínda hai moitos servizos que non existen e por iso hai quen prefire ir a un piso novo nas aforas. ¿Dificúltalle esa carencia a vida no centro?
-Queriamos vivir nun lugar histórico, nun entorno que tivera riqueza patrimonial e por iso eliximos esta opción. Preferiamos tamén vivir en vertical que nun piso en horizontal. Logo para nós o tema do coche é secundario e por iso tampouco botamos en falta o tema do aparcamento, que é algo que buscan moitos.
-Di moita xente que é difícil atopar unha vivenda, que é doado topar con atrancos. ¿É complicado atopar a casa axeitada?
-É sorte. Hai inmobiliarias que teñen algunha, pero non é o máis fácil. Tamén hai outras que non están anunciadas. Hai moitas que son herdanzas.
-Tamén din que resulta moi caro mercar un inmoble na zona histórica.
-Chegou a ser bastante caro. Pero unha dificultade importante é cando os inmobles son unha herdanza. Aí o complicado é chegar aos propietarios.
-¿Cómo ve as axudas que hai para a rehabilitación? ¿Son un estímulo?
-Axudan, pero non cubren a totalidade. Hai que ter en conta que o maior custe o asume o particular e á parte tamén é certo que chega a subvención cando a obra está executada.
-¿Coñecen veciños novos na zona que acaben de mudarse tamén para aquí hai pouco tempo?
-Hai veciños novos, catro ou cinco parellas que mercaron na rúa. Algúns xa arranxaron e tamén hai os que aínda están empezando a facelo.
-Iso pode ser un estímulo para que veñan outros pouco a pouco.
-Ás veces a repoboación dun lugar é unha mera cuestión de inercias.