«Agora temos que ser especialmente coidadosos cos investimentos»

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO/LA VOZ.

SANTIAGO CIUDAD

Sabe que o contexto económico non acompaña e é por iso que a negociación do financiamento será dura, pero cre que non debe haber vencedores nin vencidos

26 may 2010 . Actualizado a las 02:16 h.

Unha longa lista de chamadas que aínda agardaban resposta presidía a mesa do reitor electo, Juan Casares Long, só unhas horas despois de ser declarado vencedor dos comicios máis concorridos da historia da Universidade de Santiago. O catedrático de Enxeñería Química séntese arroupado pola comunidade universitaria e onte comezou a traballar no seu goberno.

-O profesorado apoiouno masivamente. ¿As plataformas docentes PUP e Converxencia Universitaria pecharon filas?

-Digo isto con certo grao de coñecemento, porque o voto na Universidade é secreto e moi persoal, pero sinto que me apoiaron dende todas as sensibilidades, todas, non deixo ningunha fóra. ¿Que as plataformas se aliñaron? Os votos subiron, como non podía ser doutro xeito, nos dous candidatos, porque na primeira volta eramos sete e agora fomos dous. Temos que entender que ambos captamos votos de todas as plataformas.

-¿Que tal os resultados na súa facultade?

-Pois foron bos, foron moi bos. Xa non soamente de estudantes, senón que en profesorado gañei e sacamos máis votos en 20 dos 26 centros da Universidade. Penso que iso marca o que foron estas eleccións.

-¿E na do seu opoñente?

-[Ri] Xúrolle que non mirei aínda, soamente teño os datos xerais. A outra vez gañáramos e agora penso que tamén, e ademais por bastante, pero falo de memoria.

-Está preocupado pola situación económica e por Campus Vida. ¿Haberá retrasos?

-Cos prazos, hai que ter en conta que algúns dos edificios que estaban previstos non acadaron financiamento algún, como por exemplo a nova Facultade de Odontoloxía ou Enfermería. Se non hai financiamento e a data de comezo da obra é o 2010 teremos que pedir unha prórroga. A min preocúpame moito, e estes días ocupa as páxinas dos medios de comunicación, a situación económica xeral. Temos que ser especialmente coidadosos cos investimentos neste momento.

-E todo depende do plan de financiamento. ¿Ten estratexia de negociación?

-[Ri] Algunha teño, pero non lla vou dicir porque non podo contar as claves, e dou vantaxes, porque os cartos serán limitados e escasos. Será froito dunha negociación onde non poderá haber nin vencedores nin vencidos, pero cada un temos que defender o noso.

-Tamén quere dar a coñecer as contas da Universidade.

-Iso ten unha marcada incidencia sobre o plan de financiamento. Todo xira sobre o mesmo e hoxe o diñeiro xa non é limitado senón que é escaso. Temos que ver os recursos e os investimentos máis urxentes.