«Miro as outras cinco candidaturas que non pasaron e atopo ata a amigos»

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO/LA VOZ.

SANTIAGO CIUDAD

O gañador da primeira volta das eleccións a reitor de Santiago avoga por facer un esforzo para convencer aos estudantes

07 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Tras unha noite de celebración, o gañador da primeira volta das eleccións á reitoría da Universidade de Santiago dedicou boa parte da mañá de onte a rematar o traballo académico adiado nas últimas dúas semanas por mor da campaña electoral. Juan Casares Long insistiu onte no que leva dicindo dende que se fixo oficial a súa candidatura: levará o día da segunda volta, o 24 de maio, o mesmo equipo e o mesmo programa que gañou o mércores .

-Foi o máis votado e sácalle seis puntos porcentuais ao seu contrincante, Lourenzo Fernández Prieto.

-Déronme a oportunidade de ser a primeira opción da Universidade e iso valóroo moi positivamente.

-E desta vez, no canto de ser o candidato dos alumnos, foi máis votado polos docentes.

-Si. ¿Que ocorreu? Pois que eramos sete. É moi difícil establecer comparacións entre hai catro anos, con dous candidatos, e agora con sete. Penso que todos recolleron votos de todos os ámbitos, pero eu si que mellorei moito con respecto ás porcentaxes de profesorado de hai catro anos.

-¿Por que?

-¿A miña interpretación?

-Si.

-[Sorrí] Un equipo moi completo. E os votantes valorárono moi positivamente. Xente con calidade académica, moita experiencia de xestión, onde están representadas as cinco grandes áreas de coñecemento e con máis mulleres que homes. Penso que iso e o feito de ter un programa realista pesou entre o profesorado.

-Un dos datos que tamén sorprenderon foi o da participación dos estudantes, que por primeira vez superou a barreira do 10%.

-Pois si. Eu penso que foi porque había moitas opcións e animou ao alumnado a participar. É un sinal de que a Universidade está viva, que se interesa por estas cousas. Creo que a participación é moi importante e agardo que o día 24 se manteña ou incluso medre.

-¿E logrará convencelos?

-Teremos que facelo. Agora mesmo, en boa medida resultan influenciados pola presenza dos seus profesores nos seus equipos e agora haberá que ilusionalos con caras e nomes que non son os dos seus profesores. Temos que explicarlles mellor o programa e as cousas que lles benefician. Si, aí teremos que facer un esforzo moi especial.

-Insiste en que non quere pactar para concorrer á segunda volta.

-Díxeno sempre. Eu buscarei apoios da xente que non me votou nesta primeira volta, pero sempre mantiven que eu presentaba un programa e un equipo para o día 5 e para o día 24. Traballamos moito tempo xuntos e fixemos o programa entre nós e o lóxico é que o defendamos na primeira, na segunda e se houbera terceira pois na terceira oportunidade. En calquera caso, é o noso programa.

-Seguirá sendo independente.

-Penso que tamén axudou unha candidatura moi plural, moi aberta. Creo que iso ten que axudar agora, o feito de ver unha candidatura de xente de moi distintas sensibilidades, axudará para que a xente se sinta cómoda.

-¿Será difícil acadar os apoios dos que non o votaron?

-¡Pois terei que traballar! Terei que traballar con humildade e agardar poder convencer á xente.

-¿Cre que os apoios dalgún dos candidatos sería máis doado de transvasar á súa candidatura?

-Non. Na Universidade, aínda que sexa grande, coñecémonos moita xente, Eu miro agora as outras cinco candidaturas que non pasaron e atopo ata a amigos. Amigos que nun momento conxuntural están noutra posición e que agora mesmo xa non están en liza. Eu penso que haberá que falar con eles, haberá que convencelos, pero creo que poden decidir non participar, porque eu non son a súa opción, pero é algo que dubido. Os sete candidatos demos un paso adiante e non podiamos quedar sentados na cadeira observando o que pasaba polo mundo. Os sete decidimos comprometernos coa Universidade, así que é xente disposta e aberta a participar, por iso me sorprendería que non o fixeran.

-O presidente da Comisión Electoral Central salientou que esta foi unha campaña moi limpa, moi transparente e moi distendida entre os sete candidatos.

-Si que foi. Mesmo o feito de ser sete axudou, porque cando son dous, queiras que non polarizas, e cando son varios dilúese a focalización. Foi unha campaña máis distendida.

-¿A segunda volta será máis dura?

-Non necesariamente. É máis curta, penso que as posicións de uns e de outros son de sobra coñecidas. Temos que velo como unha continuación.

-¿A comunidade universitaria non estará cansa de tanta campaña electoral?

-Eu como estaba do outro lado da barreira non podo precisalo, habería que preguntarlle aos que estaban alí. Agora é diferente, xa non haberá todos eses actos que tivemos por todos os centros. Nós planificarémolo entre hoxe e mañá e teremos que procurar que á xente non lle resulte monótona e aburrida.

-O seu opoñente xa lle ofreceu participar en tres debates, un en cada campus da Universidade.

-Xa falamos esta mañá. Eu fixen catro debates co profesor Senén Barro hai catro anos. Entón, o profesor Fernández Prieto estaba sentado á destra de Barro e eu estaba enfronte. Despois fixen sete debates cos outros seis candidatos. Teremos debates, non teño ningunha dúbida, pero as datas e o número temos que acordalo entre os dous. O número de debates é o menos importante, o necesario é que a comunidade universitaria teña a oportunidade de ver e comparar.