«As posicións co Goberno para lograr a transferencia da AP-9 a Galicia aínda están alonxadas»

La Voz

GALICIA

Infraestruturas de comunicación básicas para os galegos están a sufrir graves incidencias.

-¿Como é posible que a estas alturas de século se pechen autovías polo derrubo de taludes como aconteceu na de Carballo e na A-6, que xa leva nove meses pechada?

-A realidade é que son dous casos diferentes. É certo que a A-6 leva moito tempo cortada. Pero ese talude foi complicado incluso na construción da obra. Aínda que a xente non o entenda é un traballo de emerxencia moi complicado de levar adiante. Coido que Fomento está facendo o que pode para repoñer a normalidade no prazo máis breve posible.

-¿E no caso da de Carballo?

-É un asunto que estamos investigando porque aínda non se coñecen as causas concretas. Temos claro que debemos preservar e garantir a seguridade. Pedímoslle desculpas á xente, pero teñen que entender isto.

-¿Como vai afectar o retraso do corredor de Ortegal ao illamento de todo o norte de Galicia?

-Antonte estivemos alí para explicarlles os prazos. E nós afirmamos que non estamos a paralizar esa infraestrutura. Na Xunta atopámonos cunha paralización por resolucións administrativas do Goberno anterior. Boa parte do corredor estará en servizo antes do 2017.

-¿Parécelle xusto que os galegos teñan que pagar as peaxes que abonan por percorrer unha autopista como a AP-9?

-Se fora de titularidade autonómica os galegos terían unhas tarifas máis baratas, con criterios acaídos ás necesidades de mobilidade de cada quen. Sería unha AP-9 moito máis axustada a realidade do territorio.

-Pero é estatal...

-Por iso demandamos a transferencia a Galicia e estamos en conversas co Goberno central.

-¿Como van esas negociacións?

-Nós pedimos que a AP-53 e a AP-9 sexan de titularidade autonómica. No primeiro caso Fomento non mostra demasiadas reservas, pero si no segundo. As posicións aínda están alonxadas. O Goberno entende que a AP-9 debe ser de titularidade estatal porque une portos de interese xeral e España con Portugal, pero nós dicimos que é galega.