O socialista José Manuel Lage Tuñas, parlamentario pola comarca de Noia, foi o primeiro político galego en abrir un blog, hai xa cinco anos, e que concibe como un medio para «mellorar a calidade da democracia, xa que non só se trata de votar cada catro anos, tamén hai que manter a comunicación cos cidadáns durante a lexislatura».
-Tamén ten perfil en Facebook. ¿Fai un uso diferente desa ferramenta ao do blog?
-Esta rede permitiume retomar o contacto con vellos amigos, pero ao mesmo tempo tamén me serve para emitir opinións ou achegar documentos de interese para todas as persoas coas que compartes a rede. No blog procuro facer reflexións de fondo, o Facebook é unha ferramenta máis inmediata, máis diaria.
-¿Que utilidade atópalle vostede ás redes sociais para a política?
-Creo que é unha forma de estar presentes na realidade social, de dar a coñecer o ideario político, as propostas, e tamén serve para recibir achegas e mellorar a relación entre representados e representantes. A política ten que ser máis cercana ao cidadán, e Internet é unha ferramenta moi útil para acurtar distancias entre políticos e cidadáns.
-¿Servirán estas ferramentas para facer máis participativa a democracia?
-Non hai que terlle medo de ningún tipo a Internet. Temos que traballar por unha democracia de maior calidade, e iso significa máis participación. Facebook, o blog e Internet en xeral son espazos que favorecen o encontro entre cidadanía e política.