«Volvo ofrecer un pacto pola educación e, por suposto, polo galego e a universidade»

La Voz

GALICIA

O conselleiro de Educación ofrece consensos por todas as partes.

-¿Xa teñen máis claro se haberá ou non segregación nas aulas ou en que se impartirán as troncais?

-A consulta será un referente para elaborar ese decreto. Das troncais non podemos adiantar nada porque non sei os resultados da enquisa, que estamos tratando de que se desenvolva co cen por cen de rigorosidade. Téntannos presentar dende certa parte da sociedade como os anti . ¡E para nada, para nada...! Creo que non se fixeron ben as cousas e a xente reaccionou ao contrario do que o anterior Goberno quería. Se cadra actuaron de boa fe, pero se conseguiu o efecto contrario.

-Separar aos alumnos polo idioma, ademais da polémica que orixina, ¿é máis caro?

-Falamos de grandes problemas económicos e as familias, os concellos e a Administración somos moi conscientes diso.

-¿O decreto sería de aplicación no 2010?

-Si. Pero falaremos del a posteriori, unha vez t eñamos a enquisa finalizada. Volvemos ofrecer un pacto político e social pola educación e, por suposto, tamén polo galego, e pola universidade.

-¿A apertura das enquisas estase facendo na propia consellería ou o fai unha empresa privada?

-Estase facendo na propia consellería.

-Ofrece consenso, ¿seica amainou ou segue a treboada?

-Gustaríame acadar puntos de encontro. Se puidésemos aprobar por unanimidade o decreto, encantados.

-Outra polémica, a da agrupación dos nenos de distintas idades...

-Ese tema solucionouse na mesa sectorial e chegouse a un punto de encontro onde se falaba de agrupar ata 12 ou 14 rapaces, dependendo de que foran dun mesmo ciclo ou de ciclos distintos. Co anterior Goberno as cifras estaban en 16 e 14, creo recordar. Trátase dunha mellora nese sentido.

-¿Van apuntalar os centros públicos ou tirarán máis cara aos privados?

-Os presupostos van ser moi restritivos. Non estamos para facer marabillas. O maior acordo coa ensinanza concertada produciuse no anterior Goberno. Manteremos o estatus.