Máis dun cento de concellos pactan galeguizar as súas festas

GALICIA

05 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

As orquestras que actúen en 119 municipios galegos deberán interpretar unha de cada catro cancións en galego. Este é un dos puntos do acordo ao que chegaron onte os representantes das principais cidades galegas e máis dun cento de municipios para galeguizar as súas festas.

A iniciativa pretende afondar na idiosincrasia lúdica de cada parroquia e foi impulsada polo Concello de Redondela, segundo sinalou a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, quen apoia a campaña, titulada Mil festas máis para a lingua galega , que agora se trasladará a cada concello e que obtivo tamén o apoio da TVG, cuxos dirixentes asistiron ao encontro ao que responderon máis dun terzo dos 315 concellos que forman Galicia.

Ante un auditorio formado por membros de concellos de todos os signos políticos, o alcalde de Redondela, o socialista Xaime Rei, recordou que «Fraga Iribarne, sendo ministro de Información e Turismo obrigou aos medios de radiodifusión a emitir un 25% da programación musical en español para evitar a invasión da música anglosaxona». «¿De que se estrañan os que agora se sorprenden porque pidamos que as orquestras interpreten un 25% do seu repertorio na nosa lingua?», preguntouse.

Rei criticou o «seguidismo dunha xeración» durante a movida dos oitenta que «viña importada de Madrid» e sinalou que nestes momento estase remontando a crise da música galega sufrida durante eses anos.

Ademais da porcentaxe de cancións en lingua galega, os concellos asinarán os contratos coas orquestras e cos provedores en lingua vernácula e falarán ata cos párrocos para que as misas maiores das festas sexan en galego e que durante a consagración se toque o himno de Galicia. ?

Recuperar celebracións

Os concellos crearán comisións interdisciplinares formadas por arqueólogos, etnógrafos, antropólogos e historiadores para levar a cabo un inventario do patrimonio de cada parroquia e recuperar celebracións antigas. Rei puxo como exemplo a primeira obra teatral galega, escrita por Gabriel Feixó de Araúxo en 1671, que é un entremés sobre a pesca no río Miño no que os actores son veciños da freguesía lusa de Lapela e de Caldelas de Tui. Ao seu xuízo, sería unha escusa perfecta para celebrar unha gran festa de irmandade entre portugueses e galegos.