Na revisión do Mapa Sociolingüístico galego do 2004 inclúese tamén o primeiro estudo no que se analizan as competencias multilingües da poboación de 15 a 54 anos.
Entre os entrevistados, a práctica totalidade situouse na categoría máis elevada da escala en todas as destrezas do castelán, mentres que en galego existen maiores flutuacións e maior heteroxeneidade entre a poboación.
As diferenzas máis notables a favor do castelán están na escrita e a maior uniformidade na capacidade de entender os dous idiomas.
Pero é importante lembrar que quen xulgan as súas propias capacidades son os entrevistados, e non estaría de máis coñecer o papel que xogan nas respostas as cuestións relacionadas co prestixio que lle atribúen a cada idioma.
O 44% din saber inglés
Probablemente esa podería ser unha explicación tamén para o feito de que logo a metade dos galegos se manifesten coñecedores dun terceiro idioma (ademais do galego e o castelán). Son nada menos que o 44% dos enquisados os que manifestaron coñecer esa terceira lingua, que para máis das tres cuartas partes é o inglés, e para a maioría dos restantes, o francés. Sitúanse a continuación os que manifestan saber catalán, alemán, portugués e éuscaro.
Acadan o 9,3 % do total os galegos que declaran coñecer unha cuarta lingua e atrévense coa quinta o 2,1 %.