Sari Alabau: «Apelo ao voto rebelde»

f. fernández FERROL / LA VOZ

FERROL

É comunista dende os 19 anos; a punto de xubilarse mantén os seus ideais e busca o apoio dos descontentos co sistema

09 nov 2011 . Actualizado a las 12:41 h.

Sari (Rosario) Alabau (Valencia, 1947) tiña 23 anos cando chegou a Ferrol por amor e 19 cando se afiliou ao Partido Comunista de España. Estudaba entón Ciencias Físicas na Universidade de Valencia e estivo no cárcere por participar en manifestacións de estudantes. En política foi concelleira na primeira corporación democrática en Narón e ata maio edila en Ferrol. Parecía a súa despedida, pero vai de número un ao Senado. «Pois si, pero en momentos tan difíciles se a organización che pide que deas un paso máis, entón douno. Son das que non sei dicir que non, ao mellor», admite.

-Esquerda Unida non ten representación no Senado pola provincia. ¿Preséntase para gañar?

-Evidentemente, sabemos as dificultades que hai, pero apelo a ese voto rebelde da xente que pensa que isto non pode continuar así.

-As fórmulas que propón EU para saír da crise son aumentar a inversión pública e subir impostos.

-Si, tamén que a economía sumerxida saia á luz, dito así parece que pensamos no endebedamento nada máis. Inversión pública si, pero racional, facendo infraestruturas con xeito, sen despilfarrar, non obras pantasmas.

-Pero aumentar a inversión pública dispararía o déficit e iso iría contra as políticas da Unión Europea.

-Serían anti-Merkel e anti-Sarkozy, que son os que levan a batuta, pero ¿por que non pode haber outros partidos en Europa? ¿Por que a socialdemocracia renegou de todos os seus principios en lugar de facer unha fronte común para non caer nas mans do neoliberalismo?

-O que parece imposible é posible, entón.

-Penso que si que é posible, ¿é que o 99% do mundo non vai ter máis forza que o 1%?

-¿Hai algún país que estea poñendo en práctica as súas ideas?

-Non sería capaz de dicirche, pero hai pobos que fixeron avances importantes, nós mesmos fixemos grandes avances neste país. Agora estamos en claro retroceso polos mercados, que son voraces, están moi organizados e saben como facer para conseguir o que queren.

-¿Entón esta crise é provocada?

-En moitos aspectos si, non hai ningún tipo de normativa ou control sobre os especuladores.

-Opta a ser electa para unha institución coa que non están dacordo.

-A Cámara Alta é un pouco decorativa, somos totalmente críticos, pero estamos no sistema e temos que xogar coas súas regras para ir conseguindo os nosos obxectivos.

-¿Con quen faría un cara a cara?

-Con Rodríguez Zapatero. Tivera quedado moito mellor se no seu momento admitira: ?Eu non son capaz de facer todo o contrario do que pensei na miña vida e por tanto debo convocar eleccións?. Non lle daría de bofetadas, pero si lle diría o que penso.

-EU confía en captar aos descontentos do PSOE.

-A triste realidade é que as nosas propostas son as únicas de esquerdas que teñen sentido, porque o PSOE renunciou a elas.

-O descontento do electorado de esquerdas tamén afectou a Esquerda Unida nas últimas eleccións municipais, ¿por que?

-Tampouco tivemos oportunidade de demostrar o que somos capaces de facer, case sempre fomos socios en minoría en gobernos municipais. Aínda así penso que se notou o ano e medio que estivemos no goberno en Ferrol, dende logo se o pacto non rompera os resultados das eleccións serían diferentes.

-Xa en clave local, ¿que prioridades para a comarca de Ferrolterra terá se logra chegar ao Senado?

-O dique flotante, claro, e o sector naval da ría, o tren ao porto exterior... Non somos defensores de que o AVE veña a Ferrol porque sería unha inversión pública de despilfarro, pero si reclamamos unha rede ferroviaria de cercanías en condicións que nos achegue a A Coruña e alí coller o AVE, claro.

sari alabau nº1 de esquerda unida ao senado por a coruña