O cura Fanego coa batuta

por siro

FERROL

15 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Cúmprense cen anos do nacemento, nun recuncho de Neda regado polo río Belelle e coñecido como O Paraíso, de don Manuel Pérez Fanego, capelán da Bazán durante medio século, e creador da Coral Polifónica que, baixo a súa dirección, acadou tanta calidade como prestixio.

Din que don Manuel fora, de novo, un tenor excepcional, de tesitura amplísima; un Gayarre nos agudos, pero capaz de cantar de barítono. De aí que se mostrase tan esixente na selección dos membros da coral.

Os máis dos sobriños de don Manuel cantaron na Polifónica, e Xabier, que tamén foi cura e músico, compuxo os Salmos para a Nosa Terra, recibidos como un fito importante polos católicos partidarios dunha Eirexa verdadeiramente galega. Don Manuel, que recoñecía a gran formación musical do sobriño, gustou dos Salmos, gravounos coa Polifónica e, malia o moito que lle gustaba levar a batuta, cedeulla ao autor para que dirixise o concerto de presentación da obra no teatro Jofre.

Ao cura Fanego perdíao o xenio, e coido que esa foi a causa de que non deixase moitos quereres. Preocupado polo labor social que cumpría á Eirexa, arranxou os concertos de Nadal, no teatro Jofre, co fin de recadar axuda económica para as familias dos traballadores enfermos; pero dicíase que só favorecía ás católicas.

O certo é que don Manuel nunca estivo cos sectores máis reaccionarios da Eirexa, porque se identificaba co papa León XIII, quen na encíclica Rerum Novarum tentara frear a descristianización dos traballadores atraídos polo marxismo, ao recoñecerlles o dereito a organizarse en sindicatos. Iso explica que fose consiliario en Ferrol da HOAC e JOAC -Hermandad Obrera de Acción Católica e Juventud Obrera de Acción Católica-, dous movementos que ollaba con agrado, dos que, anos despois, nacerían o sindicato USO e os curas obreiros.

Sábeo algunha familia das máis perxudicadas nos tráxicos sucesos de marzo do 72, que recibiu durante meses axuda económica no seu fogar, levada en man polo cura. E pode que non o saiban os traballadores despedidos como consecuencia do conflicto, pero don Manuel mollouse para conseguir a readmisión de todos eles, como se mollara no ano 46 cando se producira a chamada Folga do aceite, ao reducirse a ración a tres octavos de litro por persoa. Era a primeira folga no franquismo e houbo moitos despedidos na Constructora. Os máis foron readmitidos, pero os que quedaron fóra, entraron en Astano pola xestión que o cura levou a cabo ante don José María González Llanos, coa colaboración do bispo de Mondoñedo, Arriba y Castro.

En xuño de 1988 don Manuel foi morrer ao Hospital Xeral, en Caranza. O sobriño Santi visitábao e entoaba unha canción en baixiño, don Manuel facíalle a segunda, e as voces percorrían os corredores no silencio do serán. As monxas acudían a oílos, emocionadas, e vían o cura cantando, cos ollos cheos de bágoas, ben porque, como Schumann, sentise que a música lle permitía comunicarse co Alén; ben porque no intre derradeiro volvía a aquel pequeno Paraíso de Neda, onde nacera cun paxaro na garganta.

sirolopezlorenzo@yahoo.es