Memorias de verán

Xan Rodríguez Silvar

FERROL

Xa está, xa rematou agosto e aínda que setembro poda traer días de praia e de paseos ao compás do tempo outonal, o verán, este verán do 2010, xa vai aló. Cos seus días de baño, de reunións familiares e quedadas de amigos, as máis das veces ao redor de mesas con ou sen mantel, baixo a convocatoria da sardiña ou do churrasco. O verán de festas e romaría, de concerto folk, rock, pop ou calquera das variedades de eventos musicais, encontros viquingos, carreiras de carrilanas e outras festas imaxinativas. Todos estas extenuantes actividades estivais xeran milleiros de fotos e centenares de horas de vídeo, agora máis doadamente gravado coas propias cámaras dixitais ou cos teléfonos móbiles que van en petos e bolsos. Imaxes fixas ou animadas coas que se regalarán vindeiras reunións caseiras: imos ver as fotos da viaxe, do bodorrio, da sesión vermouth... Entre cabezadas e disimulados bocexos desfilará unha cantidade inxente de imaxes coas que tratamos de atrapar a memoria do verán. Pero hai outra memoria que xorde destes encontros estivais como resultado das conversas coas que atropeladamente nos poñemos ao día. Tras contarnos o inmediato (ou deuses, que pasou no último ano que poda e deba ser contado?) é doado que o decurso da cháchara nos leve as lembranzas da nenez e xuventude compartidas, debuxando na pantalla das mentes unha vella película, a historia da nosa vida, escrita por varios guionistas que van aportando detalles esquecidos, quizá con matices insospeitados, os perfís dos personaxes que fomos, que somos. Esa outra memoria do verán sanda ou remove vellas historias, axudando ás veces a entender por que pasaron as cousas, axudando tamén a lembrar como fixemos o camiño. Con esas memoria recompoñemos, especialmente cando xa non se cumprirán os 50, un tempo, un país ben distinto, de casas sen auga e fondas desigualdades sociais, no que poucos estudaban e moitos emigraban. Esa memoria fainos reflexionar sobre os que agora deben emigrar aínda que estuden.