Era conselleira de Pesca cando presentou xunto co ex presidente Touriño as excelencias do Centro para la Prevención y Lucha contra la Contaminación Marítima y del Litoral (Cepreco), emprazado na Coruña. Carmen Gallego defende con contundencia o seu mantemento en Galicia. Cre que é un «erro» desmantelalo.
-Os expertos van para Madrid e seguen a pasar buques perigosos fronte ás costas galegas...
-Creo que é un erro. É moi importante que se siga a facer investigacións en Galicia.
-Vostede era conselleira cando o montou o Goberno central...
-Se se creou en Galicia non hai por que sacalo de Galicia. Nós traballaremos para que isto non suceda.
-¿Van adoptar algunha medida para frear o asunto?
-
Falaremos co ministerio para ver se pode reconducirse o tema.
-¿Por que cre que se desmantela o equipo?
-Creo que todo parte dun erro, de cando se fai a configuración inicial do Goberno de Zapatero, e a reconfiguración dos distintos ministerios. Pode que proveña dunha redacción confusa dun real decreto respecto á estructura orgánica, que atribuíu incluso a Medio Ambiente competencias de contaminación mariña, que resultou non ter, porque seguen en Marina Mercante.
-¿A estas alturas como estamos de protexidos fronte a outra catástrofe?
-Mellor que antes, pero hai que seguir alerta. Temos unha capacidade de recollida de 6.000 metros cúbicos de hidrocarburos, antes só se podían almacenar 80. Temos xente experta nesta materia, pero en derrames químicos estamos frouxos.