«En As Pontes hai máis cousas que unha cheminea»

FERROL

18 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Antón Ferreiro García é oficial do Exército na reserva, pero dende logo non é famoso en As Pontes e comarca por iso, senón por presidir o comité de irmanamento con Lesneven (Bretaña) e Carmarthen (Gales) e tamén pola súa faceta como afeccionado á historia da súa vila, que tamén a ten.

-Para os forasteiros, As Pontes é coñecida pola cheminea de Endesa. ¿Non é xusto non?

-Non é, porque As Pontes ten detrás dous mil anos de historia, que nunca se lle deron importancia.

-¿Como se lle deu por investigar o pasado?

-Grazas a Enrique Rivera Rouco, o cura dos Chaos, que nos moveu a mirar atrás, a ter estima á historia que está detrás de nós. Agora, aos 56 anos, acabo de matricularme na Uned para estudar Xeografía e Historia.

-E ¿cal é o pasado de As Pontes?

-É unha vila que naceu no século XIII, cando o señor García Rodríguez de Valcárcel construíu un castelo, xa desaparecido, e a ponte dos Ferros. Aínda que hai moitos restos prehistóricos e romanos, como unha ponte do século II que aínda está en pé. En As Pontes hai moitas máis cousas que unha cheminea e unha mina.

-¿Considera que os ponteses valoran suficientemente as súas raíces?

-Hai algo de falta de apego a esta terra, pouca autoestima. Creo que a industrialización contribuíu en certo modo á perda de identidade como pobo, pero estamos a recuperala pouco a pouco.

-A industria tamén levou riqueza a As Pontes.

-Hai un bo nivel de vida, si.

-Para moita xente, As Pontes non é unha vila bonita.

-Para min non é fea. Hai moito patrimonio que solo está agardando a que o poñan en valor.

-Vostede preside o comité de irmanamento entre As Pontes e Lesneven e Carmarthen. ¿Para que sirve?

-Dende 1991 facemos intercambios anuais con Lesneven e dende o 2002 con Carmarthen. Serven para coñecer outras costumes, culturas, para facer amigos, aprender idiomas. E gustaríanos que funcionaran tamén as relacións comerciais.