Opobo galego ten demostrado, dende sempre, a súa forza, a súa capacidade de superación e a súa coraxe ante as dificultades. Escollos como a dispersión poboacional e a emigración puxeron a proba a Galicia e mesmo forxaron o seu carácter. Illada e condicionada pola falta dun tecido industrial sólido e propio, Galicia perdeu peso económico e demográfico e máis de dous millóns de galegos tiveron que marchar ben lonxe. Sen embargo, neses momentos difíciles, os galegos reaccionaron e conseguiron con esforzo, humildade e honestidade, saír adiante. E hoxe comprobamos que a iniciativa de moitos emprendedores en Galicia tamén xerou unha cultura empresarial que xa é un referente en todo o Estado. Falamos de sectores como a pesca, o naval, a pizarra, as conservas, o téxtil, as telecomunicacións... Os que fan país dentro e fóra.
O importante é que haxa proxectos empresariais que aposten por Galicia, independentemente de onde veña o capital que os respalda. As empresas nacen, medran e morren, como a vida mesma. Por iso cómpre investir e crear riqueza aquí, crear unha cultura, fomentar nos cativos a capacidade de asumir riscos e unha mentalidade emprendedora, que promova a creatividade e o espírito innovador; e sobre todo, que non castigue o fracaso. Canto máis forte e comprometida coas súas raíces sexa a industria dunha terra, maior será a súa rendibilidade, concepto que non podemos demonizar, pois só sendo rendibles garantimos o noso futuro. Falemos un pouco menos das empresas que morren ou marchan e apoiemos ás que están a nacer e medrar. Ese é o futuro de Galicia.
En R, o noso compromiso con Galicia supera o meramente tecnolóxico. Apostamos por despregar unha rede propia de fibra óptica para dotar aos fogares e empresas desta terra das telecomunicacións máis avanzadas. E neste proxecto levamos investidos xa case 800 millóns de euros. Seguiremos intentando, por suposto, facer país, e continuar achegándolle valor a esta terra e construíndo futuro.