Nattex e Deza finalizan a tempada en Autonómica

La Voz

CANGAS

O pasado sábado foi xornada de fin de tempada para Nattex e Deza en Primeira Autonómica; ámbolos dous equipos puxeron fin á campaña sen xogarse nada, posto que xa tiñan certificada a permanencia na categoría.

O Nattex Balonmán pecha a súa primeira experiencia en Primeira Autonómica clasificando no sétimo posto da zona polo ascenso. Os pupilos de Paco Vilariño pecharon a Liga cun empate a 28 na casa do Cangas, tras un partido no que pasaron por todas as fases; comezaron perdendo, e foron ao descanso tres abaixo, na segunda metade puxéronse con tres goles de vantaxe, e nos últimos 10 segundos desperdiciaron un gol de rédito e posesión, ata acabar en igualada o marcador.

En canto ao BM Deza, os lalinenses sucumbiron 29-32 ante o Sárdoma nun encontro no que non se xogaban nada. Coa permanencia asegurada, os de Sierra afrontaron con total tranquilidade o partido, ao igual que o rival, que ao final se levou o encontro.

Hora de mirar ao futuro

Coa tempada de Liga rematada e a permanencia asegurada, é hora de mirar ao futuro. A priori, nin Deza nin Nattex teñen previsto xogar a Copa, aínda que no caso dos primeiros, estarían pendentes de posibles sancións en caso de non querer disputala.

No que respecta ao futuro, os dous clubs comezarán agora a reflexión respecto a cara onde encamiñar os seus pasos. No Balonmán Deza o elevado número de baixas que prevén de cara ao mes de setembro eleva as posibilidades de que o club desapareza, como explicaban dende a dirección, pero a cuestión aínda non deu os seus últimos coletazos, e será nas vindeiras semanas cando se decida o seu futuro. En canto ao Xabañús, tamén deberán revisar durante as próximas semanas as posibilidades que hai sobre a mesa, que inclúen dende seguir adiante a non facelo, ou mesmo cambiar de categoría. Hai que estudar as opcións.