Comezou no mundo do balonmán hai dúas décadas, con apenas oito anos. Leva dende entón vencellado ao Balonmán Lalín, o club no que primeiro estivo como xogador, e agora como adestrador.
-Como comeza un rapaz de oito anos a xogar ao balonmán?
-Pois polos compañeiros da escola. Ao principio comecei para facer deporte e estar cos colegas, e de repente atópaste con que te engancha e non o das deixado.
-Durante cantos anos estiveches xogando?
-Xoguei ata o 2001. Unha lesión impediume seguir xogando, e foi entón cando optei por facer o curso de adestrador.
-Pasar de xogar a adestrar supoño que será, cando menos, diferente.
-É moi diferente. Sobre todo porque cando adestras tes que ser máis tranquilo, e suponse que ter a cabeza mellor amueblada. A verdade é que me gustaba máis xogar que adestrar, pero adestrar, aínda que é pouco agradecido, sobre todo cando non vives disto, pero tamén é bonito. Iso si, gústame máis adestrar aos pequenos.
-Menos problemas?
-Non, é só porque cando adestras en categorías de nenos ves como van evolucionando. Por exemplo, coas rapazas, vivín dende o primeiro ano ata maiores, e é agradable ver como o equipo ante o que perdiches de 50 o primeiro ano, lle gañas ao final.
-E o de adestrar ao primeiro equipo?
-Co primeiro equipo costa máis. Sobre todo ao principio, que estaba máis cortado, porque con moitos xogara. Agora xa sen problemas.