Un grupo de vinte persoas leva colaborando durante todo o verán nas labores de prevención de lumes
31 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.O respecto e o coidado do medio ambiente son as premisas ás que responde a actividade do colectivo Naturviva, xurdido hai xa algún tempo no concello de Agolada. O afecto á natureza levou ao colectivo a traballar en labores de vixiancia dende que o bo tempo ameazou con facerse latente e poñer en risco de incendio as zonas do sobreiral do Arnego. Durante os últimos meses membros da asociación e colaboradores participaron activamente en tarefas de vixilancia ao longo dos centos de hectáreas que compoñen o sobreiral do Arnego, que aínda que ten o seu groso en terras agolenses, tamén toca os municipios de Vila de Cruces e Lalín.
Segundo explica Juan José López, un dos responsables do colectivo, arredor de 20 persoas participaron, e participan, nas vixilancias. Organizados en grupos de cinco ou seis persoas, cada patrulla distribúese para vixiar en coche, en bicicleta e andando as zonas con maior risco de incendio. «Onte mesmo foi un día bastante perigoso, porque facía sol e aire, dous factores fatais para os incendios», explicou Juan José, que se amosaba ledo de que este ano a comarca non se vira afectada polos incendios, «porque o tempo axudou moito».
Para organizar as labores de vixilancia, os membros de Naturviva es os voluntarios distribuíronse en turnos para supervisan as zonas durante mañá, tarde e noite. «Se ben as horas nas que máis risco hai son as que van dende as doce da mañá ata as cinco da tarde. Nese tempo hai que extremar as precaucións», explica Juan José López.
A pesar de que o verán comeza a chegar ao seu fin, Naturviva, que recentemente se converteu en asociación veciñal, ten previsto continuar adiante coas súas labores de vixilancia «ata que entre o outono e a choiva nos garantice que xa non hai risco de incendios», explica Juan José. Segundo López, o mes de setembro é un dos máis problemáticos en cuestión de incendios debido a que soe rebaixarse o nivel de prevención, e as zonas están máis secas.
Con algunhas semanas de traballo aínda por diante, Juan José agarda que a tranquilidade que caracteriza o sobreiral continúe, e poidan desfrutar do entorno privilexiado que vixían, «e do que aínda hai só un mes se extraeron con coidado as cortezas de máis de 400 sobreiras» das que compoñen o sobreiral.