O músico de Ponteareas asumiu a adaptación da peza tras vencer os dereitos de Pascual Veiga
21 dic 2007 . Actualizado a las 10:21 h.O himno galego xera dereitos de autor. Cada vez que se interpreta a versión oficial, interprétase en realidade a versión realizada por Rogelio Groba hai agora 22 anos sobre a música de Pascual Veiga.
Foi en 1985 cando o prestixioso músico e compositor galego recibiu de Xosé Luís Barreiro, por entón vicepresidente da Xunta, o encargo de facer arranxos para establecer unha versión que se puidese considerar institucional e que se convertese en referencia para agrupacións, orquestras e bandas que quixeran interpretalo.
Segundo Groba o encargo realizouse en 1985 porque nese ano «xa venceran os dereitos de autor de Pascual Veiga como compositor da música dado que xa pasaran oitenta anos desde o seu pasamento». Segundo o músico «naquela altura fixen arranxos para orquestra sinfónica, para coro e para banda de música».
O compositor está convencido de que os arranxos «contribuíron a pór algo de orde e dar homoxeneidade á forma que se toca o himno». Aínda así, Groba admite que en moitos casos «os directores de bandas de música quere afirmar a súa personalidade como tales e van facendo variacións».
Roxelio Groba é o titular dos dereitos xerados polo arranxo que se considera oficial e isto afecta tanto a interpretacións en actividades institucionais da Xunta como as festivas realizadas por bandas de música e tamén aqueles nos que calquera outra agrupación musical segue a versión disposta polo músico de Ponteareas.
Desde 1985, Groba ampliou o catálogo de posibilidades para novas formacións musicais que aínda neste ano 2007 editou a partitura que pode ser utilizado por coro e orquestra de cámara. Polo medio hai variacións para combinacións como os coros mixtos e as sinfónicas ou a realizada tamén para coro e un piano. Ademais dunha adaptación para orquestra de cámara, Rogelio Groba tamén editou a versión para cuarteto enxebre, con dúas gaitas, bombo e tamboril, unha adaptación realizada no ano 1999.
Rogelio Groba é un asociado da SGAE e, polo tanto, é a Sociedad General de Autores de España quen controla as interpretacións e que se respecten os dereitos de autor sobre o arranxos do compositor. Segundo fontes da SGAE os dereitos xerados polas interpretacións, tanto en concertos, como televisivas ou radiofónicas se derivan de cada unha das veces que se toca o himno e, en ningún caso, é a tanto alzado ou cantidades fixas por períodos de tempo.
Segundo a sociedade de autores, os inspectores de zona son os encargados de controlar a interpretación das distintas orquestras ou bandas e comunicar a mesma, interpretación que serán facturas desde a sociedade e liquidadas ao autor.
Rogelio Groba asegura que nunca houbo propostas desde a Xunta de Galicia ou outras instancias institucionais para que o seu arranxo sobre o Himno Galego puidese estar libre de dereitos nin tampouco, como sucedeu hai catro anos co himno español que o Estado chegou a un acordo co titular dos seus dereitos para que puidera ser utilizado de xeito universal. O compositor de Ponteareas indicou que, ata hoxe, «nunca recibín ofertas nese sentido».