Alejandro Vilar é o gañador da 16ª olimpíada iberoamericana de física
07 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Lograr dúas medallas de ouro e outras tantas de prata nunhas olimpíadas é un resultado máis que digno, tanto en termos deportivos coma educativos. Neste caso os que acadaron ese privilexiado lugar no medalleiro foron os catro alumnos que representaron a España na decimosexta Olimpíada Iberoamericana de Física, que vén de rematar en Ecuador e na que o estudante lugués Alejandro Vilar López (Rábade, 1993) se proclamou gañador absoluto. Rematado o seu exitoso paso polas distintas fases destas olimpíadas -autonómica, nacional e iberoamericana-, este lucense que foi alumno do IES Lucus Augusti aínda pode sumar outro logro académico máis, xa que, ao igual que o seu compañeiro de centro Borja Traseira, foi proposto para o premio extraordinario de bacharelato.
-¿Que che pareceu a proba que tiveches que superar nesta olimpíada iberoamericana?
-Tiven que superar dúas probas de cinco horas cada unha repartidas en dous días. Resultou interesante. É algo diferente ao que fas no instituto, que se centra máis en estudar algo concreto. Nestas olimpíadas esíxenche algo máis, a visión é máis global.
-¿Como se prepara un para participar neste tipo de olimpíadas?
-Ata que superei a fase nacional non fixen ningún tipo de preparación especial, aparte do que xa estudaba. Despois, como no instituto a parte experimental case non se toca, na universidade si que me preparei algo de cara á fase iberoamericana e a Sociedade Española de Física tamén nos convocou aos estudantes que representamos a España para darnos unhas oito horas de formación.
-¿Esperaba gañar ou, como se di nestes casos, o importante é participar?
-Aínda que nos deixaran moi claro que iamos representando a España e que o tiñamos que facer o mellor posible para quedar ben, eu para nada contaba con gañar. Fun á proba tranquilo e fíxeno o mellor que puiden, pensando ben os problemas e tratando de resolvelos. A idea que levaba era a de aproveitar esta oportunidade que se me brindaba, pero sen agoniarme en ningún momento polo resultado.
-Despois de gañar as olimpíadas autonómica, nacional e iberoamericana, ¿que balance global fai do seu paso por estas probas?
-Estou encantado de ter participado nelas. Creo que, se non o fixese, tería perdido unha grande oportunidade. Penso que os estudantes deberían participar máis neste tipo de probas, porque é algo totalmente distinto ao que fas todos os días; é unha experiencia única, que non se vai repetir. E por enriba do resultado, o mellor que me levo é o recordo da xente e os lazos de amizade que fixen.
-¿Gañar unha olimpíada deste tipo ten algunha repercusión no eido académico?
-Ser o gañador non me concede ningún «privilexio» á hora de estudar, que é algo que teño que facer como calquera outro alumno. Se participei en todas estas olimpíadas foi buscando algo máis.
-Agora está estudando Física na USC, ¿que tal a carreira?
-Polo de agora hai que darlle tempo, porque non levo nin un mes, e del, unha semana paseina en Ecuador na olimpíada.
-¿De onde lle vén a vocación pola Física?
-Eu sabía que o meu eran as ciencias, chegar a entendelas a fondo, pero non foi ata segundo de bac que me decantei pola Física, porque antes tampouco tiña datos suficientes para decidirme.
-¿E ata onde quere chegar neste mundo?
-A carreira escollina para saciar as miñas ansias de coñecemento, non pensando no futuro. Agardo que a formación que reciba me sirva para saber Física, o que poida pasar en dez ou 20 anos agora non me preocupa.
alejandro vilar lópez gañador da 16.ª olimpíada iberoamericana de física
«Antes de saber que gañara, xa lle puxera unha nota dun 9,5 a esta experiencia»