Begoña Valdomar: «Fisterra é un final físico»

Eduardo Eiroa Millares
eduardo eiroa CEE / LA VOZ

A CORUÑA

A hospitaleira do albergue de fisterra é a primeira en ocupar ese cargo no último tramo do Camiño de Santiago, posto que ocupa desde que en 1997 se abriu o albergue ao público

23 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Begoña Valdomar (Fisterra, 40 anos) é a hospitaleira do albergue de peregrinos de Fisterra. A primeira en ocupar ese cargo no último tramo do Camiño de Santiago, posto que ocupa desde que en 1997 se abriu o albergue ao público.

-¿Recorda cantos peregrinos chegaron no primeiro ano?

-Si, foron 367.

-¿E o pasado ano xacobeo?

-No 2010 chegamos a 17.983.

-Semella que algo cambiou no último tramo do Camiño.

-Cando no 97 chegaba un peregrino era unha festa, coñecías todos os días a alguén dun país distinto e tiñas tempo para falar con eles, agora é imposible. Antes podías ter 30 nun mes, agora chegan 30 en tres horas. Tivemos días de 200.

-O albergue de Fisterra foi unha das bases de operacións dos voluntarios do «Prestige».

-Aquilo marcou un antes e un despois. O albergue foi unha torre de Babel con 40 persoas de todas partes que durmían, comían e facían vida aquí. De Xapón, de Brasil, de Irlanda, de Italia. Moitos quedaron con nós traballando. Entón durmíase onde había sitio, colocando colchóns no chan. Os colchóns foron a herdanza que nos deixou o Prestige. Aínda os tiramos hai pouco.

-O ano pasado chegou a Fisterra o peregrino número 100.000. ¿Cal foi o camiñante máis estraño?

-Aquí hai de todo, xente que vén sen cartos desde Italia, ou desde Romanía. Unha vez chegoume un chamán brasileiro preguntando polas meigas. Un que me marcou de verdade foi un italiano de Módena que fixo o Camiño ata aquí nunha cadeira de rodas. A alegría que transmitía non lla vin nunca a ninguén. As barreiras arquitectónicas do albergue desfacíanse con el.

-¿Quen foi o que chegou camiñando desde máis lonxe?

-Olé, un que chegou desde Noruega dúas veces, no 2003 e no 2006. A primeira vez quedou, cando o Prestige, para axudar.

-¿Hai moita motivación relixiosa en quen fai o Camiño?

-Aquí chegaron peregrinos de todas as relixións, pero non por motivos relixiosos. Eu nunca lles pregunto por que o fan. É algo moi íntimo, de cada un.

-Por Fisterra xa pasaron camiñantes de todo o mundo, ¿ou faltan dalgún país?

-De Europa e de América xa viñeron de todos os países. Faltan moitos de África e algúns de Asia. De Xapón tamén tivemos e seguimos en contacto con dous de eles, Tomohiro e Daisuke. Cando foi do Prestige estiveron con nós axudándonos, e o terremoto doeunos aquí como se fose noso.

-¿Conseguiron falar con eles recentemente?

-Si, e os dous están ben.

-¿Que supón ser hospitaleira do último albergue da última etapa do Camiño?

-É que esta non é unha etapa calquera. Todos chegan aquí cunha carga emocional moi forte. Isto é o fin do Camiño porque Fisterra é un final físico. Máis alá non hai nada, non hai máis que andar. ¿E agora que? É a pregunta que se fan todos ao chegar. Esta é a primeira vez en moito tempo que teñen que dar a volta. Despois toca o camiño da vida.

-O Camiño de Santiago é o único con tres finais, Santiago, Fisterra e Muxía. ¿Cal é o seu?

-O peregrino acaba onde quere acabar. Pero para min o final perfecto é Fisterra e así o demostran os peregrinos.

-¿Non existe o risco de que a masificación desvirtúe a Ruta?

-En verán parece unha autopista e iso desvirtúao todo. O Camiño non se pode ver só como unha fonte de ingresos. É vida, é espiritualidade. Se non se vai con coidado córrese o risco de acabar como no tramo do Camiño Francés. Ao mellor o número non interesa tanto.

begoña valdomar hospitaleira do albergue de fisterra

«O ?Prestige? marcou moito, a herdanza que nos deixou foron os colchóns»