Unha exposición magnífica

Xosé Manuel Casabella

A CORUÑA

Está aberta na Fundación Barrié da Coruña unha excelente exposición, realizada polo Design Museum de Londres, dedicada a mostrar a obra arquitectónica de David Chipperfield. Este evento non merecería maior relevancia senón fora polo acertado das obras escollidas, pola montaxe dos paneis e maquetas expostas ou, e isto é mais importante, pola calidade e excelencia arquitectónica dos edificios que se mostran, realizados polo arquitecto dende o ano 1984. A exposición afonda no coñecemento dos aspectos arquitectónicos máis relevantes e innovadores das diferentes propostas que, sen ser tan rompedoras no panorama arquitectónico actual, son referentes dunha actitude sen artificios coa que enfrontarse á creación arquitectónica.

Chipperfield, ex alumno da vangardista escola londiniense Architectural Association, traballou cos arquitectos da tendencia arquitectónica coñecida como tecnolóxica, Norman Foster e Richard Rogers. Acuñou un estilo identificado cun novo clasicismo emerxente, caracterizado pola sobriedade e compromiso coa realidade material da arquitectura, e polo emprego de formas nada sofisticadas, que resulta evidente na cidade da Xustiza de Barcelona, no edificio Veles y Vents de Valencia e na súa propia vivenda situada fronte á praia de Corrubedo, paradigmático exemplo da capacidade da arquitectura para revalorizar un entorno de escaso valor histórico.

Resulta reconfortante visitar esta extraordinaria para constatar a evolución deste arquitecto, nacido no ano 1953, e para constatar a vixencia dos principios doutrinais do Movemento Moderno, non unicamente dende o punto de vista da funcionalidade. A actitude creativa de Chipperfield incorpora solucións construtivas e compositivas sen deixar de interesarse pola historia e polo contexto como dinamizadores artísticos, pola expresividade dos materiais e polas posibilidades que a nova tecnoloxía ofrece, pero fuxindo do estilismo que conduce a moitos contemporáneos a un mundo irreal dominado polo espectáculo.

Agradable a montaxe das 75 obras expostas, a calidade «rústica» das maquetas de traballo, e os deseños e perspectivas, a modo de cadros pictóricos. Valiosa recompilación que permite contemplar o proceso creativo, tanto das primeiras obras como das máis recentes, das de maior tamaño como das mais miúdas, e os deseños das pezas de cerámica, sen dúbida inspiradas nos bodegóns de Morandi.

Destacables algunhas obras: o Neues Museum de Berlín e o Museo de Literatura alemá de Marbach que, xunto ca Cidade da Xustiza de Barcelona, mostran a sobriedade e clasicismo, solo aparente, do que fai gala este arquitecto nestas realizacións.

Para os profesores e estudantes da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña a exposición serve para estimularnos na aprendizaxe da nosa disciplina e para poñernos en contacto coas obras de autores de outras latitudes. Esperamos escoitar a lección maxistral que o propio arquitecto impartirá na fundación o día 30 de maio.