«O pequeno comercio é o que mantén vivo Monte Alto»

A CORUÑA

O novo representante veciñal pretende implicar no barrio aos seus habitantes: «É problema de todos», di

17 nov 2009 . Actualizado a las 11:58 h.

Leva meses á fronte da asociación de veciños Atochas-Monte Alto-Torre de Hércules como consecuencia do paso á política do anterior presidente, aínda que non foi ata o pasado día 6 que se fixo oficial o seu cargo. José Ucha Calvo ten 37 anos, compatibiliza o seu traballo cunha colaboración nun estudio de arquitectura, prepara o seu proxecto de fin de carreira e ven de aceptar o encargo de representar aos veciños do seu barrio nos próximos anos. «O traballo o repartimos en distintas comisións; se non, no podería con el», recoñece.

-Foi escollido por unanimidade, sen oposición.

-É que foi como normalizar a situación. Espero que xurdan voces críticas que nos digan o que estamos a facer mal. Iso é saudable.

-¿Cales son as súas prioridades como presidente?

-En primeiro lugar, dende a nova xunta directiva queremos implicar a canta máis xente mellor. Somos algo máis de 850 asociados, pero o barrio é problema de todos. Por iso buscamos unha nova canle de comunicación que nos permita un contacto máis directo.

-¿E cales son as súas reivindicacións urxentes en canto a infraestruturas?

-A lista é longa. En primeiro lugar hai que remediar o abandono de moitas obras que quedaron sen rematar e os desperfectos que causaron nas beirarrúas e que nunca chegaron a arranxarse. O tema dos aparcamentos tamén é grave, e ten pinta de ir a peor, xa que no PXOM se establece que un edificio de tres alturas con seis vivendas non ten por que ter garaxe. Aquí é caro perforar, pero se non se constrúe unha praza de aparcamento por vivenda, pronto será insostible. O mobiliario urbano, un alumeado eficiente... son moitas cousas.

-¿Qué opina do previsto por Busquets para o barrio?

-Ten cousas positivas, como o establecemento dun punto limpo en cada distrito. Pero falta a situación definitiva. Nós propoñemos o espazo baleiro que hai preto do depósito e a igrexa.

-Monte Alto non é un barrio calquera.

-Xa, e iso en ocasións asústame. Parece que existe unha especie de carga histórica.

-¿E como son os seus habitantes?

-A poboación estase renovando. Ademais está chegando xente nova que establece aquí os seus estudios profesionais e negocios. Realmente é o pequeno comercio o que mantén vivo ao barrio, é algo que temos que potenciar.

-Os representantes veciñais, ¿corren o risco de politizarse?

-Se iso significa intentar mediar na política local, benvido sexa. Non tragar con calquera cousa é a nosa obriga. Pero non teño ambicións políticas. De feito non creo que o movemento veciñal sexa compatible con obedecer as directrices dun partido.