«Sen soberanía política non pode haber normalización»

paula vázquez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

22 jul 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

10.00 a 11.30 horas

Obradoiros. Haberá un espazo lingüístico persoal a cargo de Gemma Sanginés, e outro sobre Prexuízos lingüísticos: estratexias de combate, a cargo de M. Núñez Singala.

12.00 a 13.00 horas

Conclusións. Os participantes no curso de verán da UDC lerán e debaterán as conclusións xerais de tres días de actividades. Este ano, por primeira vez, vanse editar tanto as conclusións como os relatorios en formato dixital e en papel, segundo anunciou a directora, Goretti Sanmartín.

13.00 a 14.00 horas

Clausura. Nel Vidal Barral, presidente da Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL), pechará a sétima edición do curso cunha conferencia titulada Unha guía de estilo para a política lingüística. ¿É posíbel?

Celso Álvarez Cáccamo (Vigo, 1958) é sociolingüista, doutor en Filoloxía Hispánica e profesor de Lingüística da Universidade da Coruña (UDC). O experto participou onte na xornada inaugural do Curso de Dinamización Lingüística que promove este campus e que se desenvolve no Concello de Carballo dende o mércores.

-Cal é a situación actual do idioma galego na sociedade?

- É crítica.

-O Plan Xeral de Normalización lingüística que a Xunta leva a cabo dende 2004 pretende favorecer o uso do idioma nos distintos ámbitos. ¿Como se desenvolve?

-A Xunta non está levando a cabo este plan. Precisamente, a política do Goberno de Feijoo é un dos principais culpables da crise actual pola que pasa a lingua galega.

-¿Onde se dá unha maior discriminación?

-A crise consiste principalmente nunha perda da transmisión do galego entre xeracións, xa que nunca houbo un interese por parte dos poderes públicos, nomeadamente do Partido Popular tanto na era de Fraga Iribarne como agora. Promover este ámbito de transmisión é crucial, pero nunca houbo interese niso. A política na era Fraga foi de deixar esmorecer a política e a actual é unha continuación da mesma, incluso con medidas regresivas.

-Coa eliminación da obrigatoriedade de coñecer o galego para acceder á función pública e a redución progresiva da presenza do idioma no ensino, ¿Corre o galego perigo de desaparecer?

-Corre máis perigo que antes porque é outro dos ámbitos fundamentais no que tiñan que intervir as institucións públicas. A política debera ser a de inmersión lingüística en galego-portugués no ensino, un modelo semellante ao que se aplica en Cataluña, por exemplo. O ensino, ademais da familia é fundamental para que se establezan as relacións sociais entre persoas en galego, mesmo as que teñen lugar por primeira vez.

-Como profesor, ¿que tal é a relación dos mozos coa lingua?

-Hai moitas maneiras de vela. Estou convencido de que moitas actitudes que se consideran de desinterese ou de oposición á lingua son facilmente alterables. É dicir, cun mínimo de compromiso por parte das institucións públicas a xente non estaría en contra. A elas correspóndelles promover o uso do idioma, e non por vontade senón porque é a súa responsabilidade. Por outro lado, sen soberanía política nunca haberá verdadeira normalización.