Os «Pelos na lingua» de Talía elixen Carballo

carballo / la voz

CARBALLO

A compañía estreará a súa obra na capital bergantiñá o próximo venres tras dúas funcións para o público escolar

19 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Os vencellos entre a compañía Talía Teatro e o municipio de Carballo veñen de lonxe e foron moi frutíferos para ambas partes. Por iso a compañía ceense elixiu a capital bergantiñá para facer a estrea da súa nova montaxe, Pelos na lingua. Con este motivo, os responsables da representación -María Ordóñez, Artur Trillo e Toño Casais sobre o escenario e Avelino González na dirección- estiveron onte no Pazo da Cultura carballés para facer, en compañía do alcalde, Evencio Ferrero, e da concelleira de Cultura, Belén Lendoiro, o anuncio oficial.

Ferrero e Lendoiro destacaron a traxectoria da compañía, agradeceron a súa elección, e fixeron un chamamento a estreitar eses lazos comúns. «Queremos que o Pazo da Cultura sexa de Talía», sinalou o rexedor espertando as risas dos membros da compañía, que o retaron a firmar ese ofrecemento.

Segundo explicou Trillo, con Pelos na lingua tratarán de aproveitar toda a «enerxía e o bo sabor de boca» que lles deixou a exitosa Bicos con lingua, estreada no 2003 e que vai camiño xa das 300 representacións. «Non é máis do mesmo, pero si recolle un pouco daquela», engadiu.

«Como se chama Pelos con lingua, a xente xa pensa que vai sobre a lingua. Pois si, pero é unha comedia e o seu obxectivo é divertir, entreter e facer ri», apuntou tamén entre risas Avelino González tras explicar que é unha obra construída en torno a unha serie de esqueches que ven «desde o drama costumbrista ao cine de Tarantino pasando pola comedia física e de gags».

Preestrea escolar

A estrea será o próximo venres, ás 21.00 horas, dentro do ciclo Venres Culturais (as entradas xa se poden reservar no 981 704 300), pero os primeiros en poder contemplar a nova proposta de Talía serán os alumnos de cuarto da ESO e de Bacharelato de Carballo porque esa mañá e o día anterior poderán asistir a dúas funcións.