Abusadora

José Manuel Canedo Aguiar

CARBALLO

14 ene 2011 . Actualizado a las 02:00 h.

«Abusadora» é unha canción con moito ritmo. Cando eu traballaba nunha fábrica lavando parrillas, eu cantaba a Abusadora e non había quen me gañara lavando parrillas. Agora, cos moitos anos que teño (bueno, sempre terei un ano menos que moitos) preciso andar. Levo un MP3 e cando alguén me adianta, métolle a Abusadora e recupero a posición perdida. Este verán, andando pola praia, de Razo a Baldaio, adiantoume unha moza. Puxen a Abusadora e conseguín poñerme á súa altura, pero non fun quen de adiantarlle. Chegou antes ca min a Baldaio e cruzouse comigo na volta e díxenlle coa miña lingua pequena: «Abusadora».

Falando con un coñecido que se chama Xocas, uns días despois, resultou que el tamén tiña unha Abusadora , e non só iso, senón que era a mesma ca miña. Non lle chamaba «abusadora» porque ela o adiantase, senón porque el non era capaz de collela. Xocas ten uns cus de vaso por gafas, baila, canta, conta contos... É moi divertido, pero cando ten que lidiar coa «abusadora», córtase, apoucase e non é ninguén. Ten moito sentido do humor, pero ten pouco sentido do amor, pois, segundo me contou, está impoluto.

Uns días despois, nunha cea-baile, á hora do baile, puxeron a canción Abusadora e eu saquei a bailar á «abusadora». Imposible seguirlle o ritmo. Así que a deixei, bueno deixoume.

Alí tamén estaba o meu amigo Xocas, e díxenme: «Seguro que el sería capaz de levarlle o ritmo, pois el é un gran bailarín». Fun a xunto do poñedor de discos e pedinlle que puxera outra vez a Abusadora . Díxome que si, pero tívenlle que contar o conto do Cocón.

O conto do Cocón é unha historia que Xocas sempre conta (non debe saber outra). Voúvola a contar: érase un albanel moi bruto, moi bruto, que estaba a traballar e veulle un compañeiro e díxolle: «Túa muller estache a poñer os cornos». E o albanel, cabreado, marchou para a súa casa. Atopou á súa dona espida e díxolle: «¿Que fas espida?». Ela contestou: «Voume a duchar». E el púxose a mirar pola habitación, a ver se atopaba ao corneador, pero non atopou nada. A un certo punto chegou a filla chorando e díxolle, levantando a colcha da cama, e sinalando debaixo da cama: «Papá, papá, papá..., aquí esta o cocón». E el díxolle á muller: «Esta vez salvácheste, pero a próxima mátote a ti e máis ao outro». E mirando para debaixo da cama dixo: «E ti, que sexa a última vez que lle pos medo a miña filla».

Así que vin que o poñedor de música ía a poñer novamente a Abusadora , díxenlle a Xocas: «Quítaa a bailar». El que non, eu que si... e dinlle un empurrón e alí quedou nos brazos da «abusadora» ¡Que gran baile! Daba xoia, xenio e gusto velos. Cando acabou, fun a xunta Xocas e díxenlle: «Con esas lupas que tés, podes ver mellor ca ninguén os diamantes que ten por ollos a Abusadora ».