O programa Bocaberta fomenta na comarca o uso do galego con música e banda deseñada
CARBALLO
Bocaberta, o programa posto en marcha pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para promocionar o uso do galego entre a mocidade, comeza o ano con gran presenza na Costa da Morte, posto que serán catro os municipios da comarca que recibirán esta semana a visita dalgunha das numerosas iniciativas que forman parte da iniciativa.
As tres primeiras paradas na zona terán como escenario centros educativos de Zas, Ponteceso e Laxe e xirarán en torno ao mundo da banda deseñada. Así, o debuxante Anxo Fariña desvelará aos alumnos os segredos da creación literaria tomando coma base a súa popular serie xuvenil Os Megatoxos. O autor impartirá unha conferencia obradoiro no que compartirá a receita para artellar unha boa historia e recollerá as aportacións dos escolares para crear unha baseada nas súas ideas. Este proceso poderá ser seguido despois a través do blog de Fariña (http://megatoxos.blogspot.com).
O seu paso polo colexio de Zas será mañá, a partir das 12.30 horas. O xoves visitará a comarca por partida dobre, posto que estará cos alumnos do CPI Cabo da Area, de Laxe (ás 10.00), e do instituto de Ponteceso (a partir das 11.50).
Música en Fisterra
Bocaberta chegará a Fisterra o domingo cunha proposta musical, pero que conxugará tamén a faceta artística e a formativa. Carlos Valcárcel, do grupo Projecto Mourente, abrirá a xornada (ás 18.00 horas, no Concello) cun obradoiro sobre a composición musical co ordenador dirixido a mozos de entre 12 e 18 anos. A continuación (20.00 horas), serán os integrantes do grupo compostelán The Homens, os que ofrecerán un concerto acústico coa súa atractiva proposta de pop en galego.