«Queremos que esta obra sirva de exemplo a outras comarcas»

Á. Palmou CARBALLO/LA VOZ.

CARBALLO

O libro «A Terra de Soneira no corazón da Costa da Morte» será presentado esta noite en Baio e Vimianzo

10 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O profesor vimiancés, e presidente do Seminario de Estudios Comarcais da Costa da Morte, Xosé María Lema Suárez (Bamiro, 1950) é o coordinador dun ambicioso proxecto no que colaboraron outros destacados investigadores da bisbarra (Evaristo Domínguez Rial, Xan Fernández Carrera, Xosé Roberto Mouzo Lavandeira, Xosé María Rei Lema e Marta Rei Lema) e que acaba de culminar de xeito exitoso coa publicación do libro A Terra de Soneira no corazón da Costa da Morte. A obra, editada por Xerais e que xa se pode atopar nas librerías, será presentada esta tarde, ás 19.30 horas, no auditorio de Baio, e dúas horas despois, no Salón Caribe, de Vimianzo.

-«No corazón da Costa da Morte», así reza o título. ¿Unha declaración de intencións xa desde o comezo?

-A Costa da Morte non é unha única bisbarra, senón unha suma de varias, coma ocorre coas Rías Baixas, e no título o que facemos é alusión a situación nela da Terra de Soneira. É simplemente unha localización xeográfica.

-¿E que diferenza a esa bisbarra das súas veciñas?

-É unha das antigas comarcas de Galicia e así llo recoñeceu a Xunta. A Terra de Soneira existe fai 1.100 anos coma unha identidade comarcal propia; primeiro como Commiso de Somnaria, unha especie de condado, e despois como arciprestazgo. Ademais, a Soneira histórica era máis ampla que a actual porque incluía tamén Laxe e parte de Cabana, que despois foron incluídos en Bergantiños deixándoa limitada a Camariñas, Vimianzo e Zas.

-¿Existe conciencia comarcal ao respecto nestes concellos?

-Co paso do tempo Soneira foi perdendo empaque, mentres que outras comarcas coma Bergantiños, sobre todo grazas a Eduardo Pondal ou a Parga Pondal gañaban sona, pero a idea de Soneira sempre estivo moi presente e, por exemplo, no eido deportivo sempre houbo varios equipos con ese nome en distintos concellos.

-¿Cal é o obxectivo central deste libro?

-Coma explicamos no limiar, pretendemos que sexa algo máis que unha guía turística, e así o entendeu tamén a editorial Xerais. Ademais das rutas que propoñemos ao final, na obra recollemos todo o que sabe na actualidade da comarca de Soneira, repasando a súa identidade desde o século IX, a súa historia, a xeografía, as manifestacións artísticas... e incluímos, ademais, dous apartados innovadores, coma son a análise da fala e dos apelidos. Tamén analizamos os movementos populares, culturais e deportivos e recollemos algún percorrido que se fala pouco: a ruta dos Naufraxios, desde Camelle ata Cabo Vilán. Queremos que a obra sirva de exemplo para outras comarcas.

-¿A quen está dirixida?

-Ao público en xeral, de feito hai xente que xa a leu e nos dixo que lle gustara moito. É un libro moi interesante que contén máis de 200 fotos, mapas e debuxos.

-¿Foi moi complicado coordinar aos distintos especialistas que colaboraron nel?

-Non, porque xa nos coñeciamos todos, posto que somos cofundadores do Seminario de Estudos Comarcais, e cada un sabía ben cal era o seu campo de traballo. Non houbo discusións nin celos, así queo labor de coordinación foi doada.