Tres metas

José Manuel Canedo

CARBALLO

26 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Tres metas tiñamos Tito de Ernesto, Xoán de Ramona, Suso de Chucho e máis eu cando tiñamos 10 ou 12 anos: saber andar en bicicleta, saber nadar e saber bailar.? A nadar aínda non aprendín, daquela non había piscinas e ao río non me deixaban ir, a andar en bicicleta aprendín malamente, nunha de muller, e a bailar, como non había clases, movía os pés ao ritmo do baixo e daba moitas voltas. O de dar tantas voltas acabóuseme aquela noite, na que quitei a bailar a unha chica, non moi alta, na festa da Pilarica en Carballo. O chan do adro estaba costa arriba se mirabas para arriba, e costa abaixo se mirabas para abaixo. Atopei á chica costa arriba e cando nos puxemos a bailar ela dábame por debaixo dos ombreiros, pero cando lle din a volta, dábame pola barriga. Xirei rapidamente e nese intre aprendín a mover os pes sen dar voltas.? Teño 51 anos, os meus compañeiros acadaron as tres metas, pois son mais espabilados ca min. Eu teño aínda dúas: bailar e nadar, pois ando na bicicleta da muller. Estou indo a clases de natación. Xa levo un ano e aínda non sei aboiar. Tiña pensado ir a clases de baile así que saiba nadar, pero vaime levar moito tempo. Así que o outro día pregunteille ao monitor: «¿Pódesme aprender a natación sincronizada?, porque así aprendo a nadar e a bailar ao mesmo tempo». Aínda non me contestou, pois non parou de rir.