O San Fins do Castro volveu a Cesullas en pleno outono

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO/LA VOZ.

CARBALLO

Os máis pequenos recrearon baixo os bidueiros todas as tradicións asociadas á celebración do 1 de agosto

13 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Ao Santo de Pólvora que se queimou onte na romaría de San Fins do Castro non lle afectou o frío dun 12 de novembro nin tampouco a leve chuvia que limitou que a asistencia aínda fose maior. Estoupou cun estrondo, mais os rapaces xa ían preparados para oílo. Non era agosto senón outono, pero aos máis pequenos non hai quen lles gañe en ilusión, así que gozaron da cita a máis non poder. Tino e Fina, castañeiros, mudaron o cheiro a viño da festa de agosto polo das castañas acabadas de asar.

Rapaces, técnicos do Concello e profesores decidíronse a recrear en plena época de follas caídas e terreo mollado as tradicións da romaría que tanta sona lle dá ao verán de Cesullas e Cabana. E fixérono con ganas. Había que ver que ben berraban, que ben se anicaban e que ben se levantaban (incluído os adultos e os non tan nenos) co Berro Seco do cura Francisco Domínguez, todo un mestre de cerimonias cos máis adultos o 1 de agosto e todo un mestre (dos de verdade), onte, cos nenos.

Estaban os do CRA Os Remuíños (Cabana), os pequenos do colexio As Revoltas e tamén algúns do CRA Pedra da Arca de Malpica. Vestidos tal cal homes e mulleres de hai algúns anos (boinas eles e longas saias e mandís elas) creaban un contexto máis que de tradición. Mesmo o Ano Santo se deixou sentir, porque un dos pequenos chegou con bordón de peregrino e cuncha de vieira incluída. José Manuel Parga tocou á campá ás doce da mañá, coma se da misa se tratase, e volveuna tocar para a queima do Santo. As Fiandeiras da asociación O Fol de Neaño cantaron o Himno de San Fins antes do Berro Seco: Meu santo San Fins do Castro/que lles das aos teus romeiros/auga da túa fontiña/á sombra dos teus bidueiros... Así entoaban elas e os rapaces, máis que entretidos, seguían o ritmo. A romaría ao aire libre non se prolongou moito (debido ao frío para os pequenos), pero a celebración continuou no interior da capela, onde o grupo Mamá Cabra esperaba para ofrecer un concerto en toda regra.

Haberá que ver agora se, esta de outono, tamén se consolida como romaría de tradición para o San Fins.