«Paso os días enteiros barrenando con pezas novas»

Juan Ventura Lado Alvela
Juan Ventura Lado CARBALLO/LA VOZ.

CARBALLO

O mestre artesán de Malpica está máis preocupado por promocionar o traballo do seu pobo que polos copóns do Papa

07 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A Antonio Pereira Rodríguez, O Rulo, (Buño-Malpica, 1958) nin tan sequera o encargo dos copóns para a misa do Papa é capaz de baixalo do seu pedestal de modestia dende o que defende, por enriba de todo, a olería de Buño.

-¿Cal é o momento exacto no que está a olería de Buño?

-Evidentemente sempre quedan cousas por facer, pero a nivel profesional e de valoración do público penso que estamos no momento máis álxido ata o de agora, sobre todo dende que fai dous anos nos deron a Medalla de Ouro das Belas Artes.

-¿Pensa que a promoción da olería foi o maior acerto político do goberno local?

-Non sei se o maior, pero dende que [José Ramón] Varela está no Concello a olería e o interese por ela incrementouse un mil por cen. Non é porque eu traballe nisto e estea aí metido. O alcalde sempre quixo darlle o máximo apoio porque, despois do mar, é a actividade máis importante que temos. Somos vinte e tantos talleres, as tendas,... e ademais temos aquí un gran valor cultural. Todas as Administracións nos apoian. Dende o ministro de Cultura que nos propuxo para a medalla, a Deputación que fixo o museo, a Xunta, o Centro Comarcal,... Nós o que precisamos é ser coñecidos, que despois xa nos defendemos sós, porque lle damos á xente un produto de calidade.

-¿Como lle afecta o encargo para a misa do Papa?

-Se o viron 250 millóns de humanos, como din, creo que a olería de Buño nunca podería chegar a tanta xente. Ademais leron un capítulo do evanxeo no que di que a comuñón se ten que levar en barro, por iso as pezas non ían esmaltadas de todo. Saíron primeiros planos de como traían os copóns consagrados de dentro da catedral ou non sei onde viñan e iso para nós ten importancia porque pola tarde xa estaban chegando máis encargos. Levo tres días sen traballar atendendo ás televisións, á prensa e todo iso. Sae O Rulo, porque me pediron o traballo a min, pero iso é o de menos porque o nome persoal sempre queda por detrás do de Buño.

-¿Non ten medo de que o excomunguen como socialista por facerlle copóns ao Papa?

-[Risas] Non, porque entre os socialistas hai de todo. Algúns repelen aos curas e outros teñen as súas crenzas. Paco Vázquez está no Vaticano e foi quen tirou por todo isto para conseguir a visita do Papa. O ministro Caamaño e Pepe Blanco tamén viñeron. Non está discutido ser socialista e máis ir á misa.

-¿De onde saca os modelos para facer pezas novas?

-Teño a manía ou a virtude de que me apaixona este traballo. Gústame moito e paso os días enteiros e as noites barrenando con pezas novas. Ás veces estou na cama lendo calquera cousa e ocórrenseme algo. Collo un papel e, como non son debuxante, pinto catro liñas. Noutras ocasións, sáenme así enriba do torno.

-¿Por que é tan difícil formar aprendices?

-Eu estiven unha morea de tempo con dous tornos esperando a que viñese un. Agora xa son demasiado vello e estamos a miña muller Luz e máis eu. O taller leva o nome do Rulo, porque meu tataravó xa era O Rulo, pero ela é a que debuxa, grava e encárgase da decoración toda. A xente de fóra da casa en canto aprende algo marcha e póñense en por eles. É moi difícil que queden, por iso a tradición sempre foi de pais a fillos.