Dende Limiñoa ó fin do mundo

Víctor Cacho CARBALLO/LA VOZ.

CARBALLO

Os doce membros do grupo de música e baile tradicional pontecesán conservan o seu patrimonio con entusiasmo

09 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Reúnense para ensaiar todos os martes no garaxe de Matilde. Xa desde fóra óeselles cantar e, ás pandeiretas, saltar de ledicia. Forman o grupo de música e baile tradicional Raíces Combinadas da Limiñoa, unha aldea da parroquia de Cores (Ponteceso). Antes, unha das tantas que poboan Galicia; «agora -apunta a propietaria do local-, coñecida xa polo mundo enteiro».

E non tanto, pero case. A este lugar perdido nos aromas da natureza, que se respira en cada recuncho, acercáronse xentes de todos os continentes para coñecer a esencia do folclore galego. «Viñeron brasileiros, uruguaios, suízos...», comenta, orgullosa, Matilde Castro, a única que segue das cinco amigas que un día decidiron montar o seu propio grupo, alá polo ano 1989. «Viaxan a través duns programas que hai da Xunta para que os mozos aprendan a cultura de aquí», engade, cun brillo nos ollos, Concha Varela, a máis nova dos doce membros que actualmente forman a banda.

Xunto a elas, tocan e bailan outros dez membros máis, que van desde os 48 ata os 77 anos de idade: María Varela, Luís Doldán, Manuel Castiñeira, José Antonio Rodríguez, Dolores, González, Teresa Reigía, Benigno Veiga, Manuel Mato, Jaime Vila e Ramona García, a maior de todo o conxunto.

Sempre se dixo que a idade é un grao, aínda que neste senso non implica un motivo de experiencia. E é que o grupo sufriu moitas transformacións no número de integrantes na súa longa vida e, aquí, son ben recibidos todos, tanto os que cantan e bailan «de toda a vida», como os recén chegados «que queiran aprender e pasar un bo rato», di Matilde, a alma máter da banda. Iso si: todos comparten a mesma paixón pola música.

Por Limiñoa pasáronse, ademais, distintos famosos no eido da canción galega, como Mercedes Peón, ou recoñecidos mestres da música tradicional, tanto para coñecer o senfín de cancións e as danzas populares que conserva este grupo pontecesán, como para empaparse da fragrancia do fol da vida de sempre. Mesmo algún visitante -recordan a historia dun profesor francés- quedou un tempo para somerxerse no espírito da banda.

Probablemente, atraído non só polo folclore galego (a xota ou o maneo, a muiñeira vella, a ribeirana ou os clásicos pasodobres), senón tamén polo entusiasmo e polas enerxías que desprenden estes amigos en cada punto de baile ou en cada copla, que atrapa a calquera co cariño que nace dunhas verbas que entregan coas súas ilusións cativas, cos seus sorrisos amables.