Homenaxe a Barca Lodeiro Vázquez

José Manuel Canedo Aguiar

CARBALLO

03 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Todos nós temos usado a frase de «era unha gran persoa» cando falece algún coñecido. Lémbrome que unha vez que o dixen alguén me rebatiu preguntando, «¿e logo, eu non o son?» Contesteille: «Cando morras tamén o serás, pero el xa o era». O outro día, un amigo meu, José Manuel Barca Becerra díxome: «A ver cando me fas unha carta homenaxe». Contesteille: «Cando morras». El replicou: «Non, eu quero lela». «A ver o que podo facer coas 25 letras do alfabeto galego», dixenlle eu.

A verdade é que é mellor que o homenaxeado estea vivo. José Manuel Barca Becerra é unha gran persoa ao ancho, ao alto non tanto. É un gran contador de contos, historias, anécdotas... Hai que velo, miralo, oílo, escoitalo, sentilo, rilo e por suposto choralo (coa risa). A súa dona non pensa igual ca min, pensa que é un desastre, que non vale para nada, pero ela quéreo no fondo, no fondo, no fondo do mar (é unha broma, el a min tamén ma faría).

A historia verídica máis famosa del é a dos grelos. Hai uns anos, algún que outro matrimonio de Bergantiños emigramos a Italia. Traballabamos en casas privadas máis ou menos pudientes. A dona facía de cociñeira, planchaba, facía as camas..., e o home facía de camareiro, chófer, limpaba e sacaba de paseo aos cans...

Os primeiros traballos eran en casas algo máis modestas, pagábanche pouco e había pouco de comer (ata os cans pasaban fame), pero collías esperiencia e aprendías o idioma. Nun entroido, os xefes de Barca e Carmen foron de viaxe e eles quedaron ao cargo da casa e máis do can. Invitáronnos a comer un cocido. En Italia a cousa máis parecida aos grelos son cime di rape, pero aqueles grelos estaban durísimos e comemos o resto. Os grelos dímosllos ao can. Papounos en dous bocados, tal era a fame que tiña. Era un cocker pel canela moi delgadiño. Ao día seguinte, Barca levou a pasear ao can por Vía Spiga ( A Vía Spiga é a Milán, como a Rúa Real a Coruña). Barca iba todo chulo, fumando, co can detrás, atado cunha correa. E a un certo punto decatouse que a xente se ría e quedábaselle mirando. Barca mirou para atrás e viu que o can iba soltando lastre, o lastre dos grelos. Soltouno da correa e siguiu andando e silbando, disimulando como que o can non tiña nada que ver con el. De cando en vez miraba para atrás por se o can acababa de acabar. Cando isto pasou púxolle a correa e fúronse para a casa.

No ascensor levantoulle a man, facendo ademán de pegarlle e dixolle: «Que sexa a última vez que me deixas en ridículo diante de tanta xente» e o can contestoulle» «Guuuuauu-guuau, guaaauu», que quere dicir en idioma canino-italiano «A próxima vez que me deas grelos chívome, que fas festas na casa cando non están os xefes».

Quen tamén merece unha homenaxe é Paco Lodeiro, cantante, presentador, humorista, imitador, letrista... en definitiva, un artista. Propoñoo como candidato ao vindeiro día das Cifras e Letras Galegas. E proporía como candidato ao día do Acento Galego a Paco Vázquez.