A nova vida do Biscoiteiro

Juan Ventura Lado Alvela
Juan Ventura Lado CARBALLO/LA VOZ.

CARBALLO

O coñecido bar de Corme cambiou os menús e as copas polo set de rodaxe da serie «Para mariñeiros nós»

02 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A primeiros dos setenta os únicos que corrían pola explanada próxima ao porto de Corme na que hoxe se asenta o bar O Biscoiteiro eran os rapaces da escola que aproveitaban o sitio para xogar ao fútbol. Entre eles estaba Suso Lista, o actor e guionista que 40 años despois emprega esa mesmo espazo como lugar de traballo. O restaurante que foi no seu tempo agora mudou para converterse na Taberna de Reimundo que serve como set de rodaxe para a aclamada serie de V Televisión Para Mariñeiros nós (hoxe, 21.30 horas).

Antes, pasou por varias épocas diferenciadas que deron lugar a centos de historias, algunha quizais comparables as que agora acolle na ficción.

O primeiro que lle deu un sentido hostaleiro ao local foi Alberto Varela Chans, que acabado de chegar da emigración en Alemania asentou nel o seu negocio con todas as obras correspondentes. Durante dúas décadas longas, ata a xubilación, o bar converteuse en destino diario para el e máis para moitos veciños do lugar. No verán a clientela sempre mudaba algo para darlle cabida aos visitantes máis que turistas que se achegaban a este recuncho da Costa da Morte.

Dende o retiro de Varela Chans o negocio pasou por varias mans, entre elas as dun mozo canario e dunha familia de Corme que agora traballa noutro establecemento. Tralo peche definitivo, o mariñeiro José Luis Méndez comprou o local como inversión, coa idea de polo en aluguer. Mentres espera a chegada dun inquilino disposto a facerse cargo del e movido pola súa amizade con Lista decidiuse a cedelo para o rodaxe.

Nos meses que levan traballando nel o director Omar Rabuñal e máis todo o seu equipo, non pararon de sucederse os momentos cómicos, moitos deles protagonizados polos actores, como é evidente, pero nos que tamén tomou parte a xente do pobo. De feito, a meirande parte dos figurantes e secundarios que saen nos capítulos son cormeláns. Víctor Mosqueira, aquel Taracido de Mareas Vivas, con preto de vinte películas ás costas, foi un dos últimos en pasar pola taberna.

Estes detalles, coa colaboración veciñal, como base, e o O Biscoiteiro, como escenario, confírenlle á serie un carácter único que a está a converter nun exemplo moi a ter en conta do que é a nova creativa feita en Galicia.