A paticora americana do meu tío Pepe

José Manuel Canedo Aguiar

CARBALLO

21 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Cando era pequeno, ía cortar o pelo a barbería de Manolo o Chupado. A pesar de que naqueles tempos (e aínda hoxe) os nenos tíñamoslle medo aos mandilóns brancos, lóxicamente polos médicos, eu ía só a cortar o pelo. Manolo o Chupado tiña boa man cos nenos. Facía que estar a carón dun mandilón branco non fose tan negro.

Todos sabedes que os barbeiros e as perruqueiras son uns grandes escoitadores e case que psicólogos e tamén grandes faladores.

Un día, estaba Manolo cortándome o pelo, cando chegou Moncho da Moucha bastante triste, ao meu parecer. E contestoulle ao saudo de Manolo desta maneira: «Estou moi mal. Levo bastante tempo facéndolle as beiras a Mucha da Nocha, contándolle contos, historias e anécdotas e o outro día, cando lle dixen ata mañá díxome que ía a ser que non. Estiven moitos días sen vela, suponse que ela non quería que a vise, e prometinme a min mesmo que a ía mirar cos ollos pechados e falarlle coa boca pechada. Despois de varios días de cruzarme con ela, de mirala cos ollos pechados, de falarlle coa boca pechada, preguntoume se estaba enfermo, se estaba mal. Díxenlle coa cabeza que si, e poñendo a man no meu peito esquerdo. Armeime de coraxe. Pechei os ollos e díxenlle: «Prometín mirarte cos ollos pechados, prometín falarche coa boca pechada, pero o máis que acado é mirarte coa boca pechada e falarche cos ollos pechados...»

Acabouse o meu corte de pelo. Marchei. Xa viría miña nai a pagar. Non sei como acabou a historia, pero quero crer, que Mucha da Nocha lle dixese a Moncho da Moucha: «Mirame cos ollos abertos, fálame abrindo a boca, que eu escoitareite cos ollos, cos oídos e coa boca abertos».

Os da Casilla saberedes onde estaba a barbería de Manolo o Chupado. Si, estaba na casa de Paticora, que despois foi do americano e que agora é do meu tío Pepe.

É a fachada máis antiga e bonita da Casilla. Baixando a avenida da Miragrosa, atoparédela alí de frente. Si, é aquela que ten de adorno unha sinal informativa, onde pon «Fisterra» e debaixo pon «outras direcciones». Iso refrexa o carácter bilingüista do pobo galego e máis o carácter bipartidista do pobo de Carballo.