A plataforma do Camiño de Fisterra entra na Rede e vixiará a sinalización da vía

La Voz

FISTERRA

12 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A plataforma Fisterra, único Fin do Camiño, segue adiante co seu proxecto de dar a coñecer o último tramo da ruta. Ademais da páxina, moi activa e con case 2.000 apuntados, que xa ten na rede social Facebook, acaban de poñer en marcha na Rede a bitácora http://findocaminho.wordpress.com, «como instrumento funcional onde terán reflexo todas as iniciativas que se levarán a cabo a partir de agora», informan dende a entidade que preside José María Velay Insua.

Ademais, dende esta plataforma de Internet informarase aos peregrinos sobre a historia de Fisterra, con datos útiles como os albergues dispoñibles, os sevizos dos que dispoñen ou opinións da xente vencellada ao Camiño. Tamén se lle dará cabida a todos os elementos da plataforma: a divulgación de actividades, os manifestos, divulgación histórica, opinión, documentación, información diversa ou enlaces de interese. Os socios actuais, e os que se queiran sumar, tamén terán este espazo ao seu dispor.

Ademais da faciana virtual, a plataforma tamén editará o primeiro boletín impreso. Será mensual e gratuíto, e aproveitará a maioría dos contidos xa postos na Rede, ademais de seccións específicas como un percorrido polos personaxes máis destacados da historia local, «que, pola súa aportación á cultura e o desenvolvemento do pobo, serán merecedores dunha mención e divulgación sobre o seu labor en prol de Fisterra e dos fisterráns», explica Velay.

Por outra banda, dous membros da plataforma, a vicepresidenta Chus López Haz e a vocal Cecilia Moure, realizarán o vindeiro luns unha peregrinación entre Olveiroa, en Dumbría, e Fisterra. A súa misión principal consistirá en «vixiar os aspectos importantes para o libre camiñar dos peregrinos, fotografiando a sinalización ata Fisterra para certificar que está en bo estado e que non se están acometendo deliberadamente accións que despisten ao peregrino que ten como destino Fisterra». Moitos, explican, observan certa «confusión».

«Encamínate»

Por outra banda, o alcalde de Fisterra, José Manuel Traba, e a concelleira do grupo de goberno de Muxía, Purificación Lema, asistiron o mércores en Santiago á presentación da plataforma e rede social Encamínate , que pretende aglutinar todas as ofertas do Xacobeo. Na Rede pode consultarse en www.encaminate.com.