Os alcaldes de Zas e Paços de Ferreira aproveitan o concerto de Xan Mella para estreitar lazos entre ámbolos dous municipios
20 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Os concellos de Zas e Paços de Ferreira (Portugal) están separados por 250 quilómetros, pero onte estiveron moi preto. Medio cento de veciños da capital do moble lusa viaxaron a terras soneirás para participar no Memorial Pepe Valiña de Xan Mella, en Baio. Son os membros do Orfeao de Paços que pola noite participaron no concerto.
A recepción no consistorio zasense ía ser á unha do mediodía, pero o autobús dos visitantes aparcou cando xa ían ser as dúas. «Chegaron a tempo, pola hora de Portugal», dicían uns e outros entre chanzas. Semanas atrás, os de Baio foron a Paços e xa hai confianza. Xa no centro social de Zas, Antonio Díaz Amor, presidente de Xan Mella, foi o primeiro en agradecer a todo o mundo todo canto envolvía o acto e máis o intercambio. Logo, a representante do Orfeao, Margarida Sousa, pronunciouse en termos semellantes. «Espero un bo concerto e un día marabilloso entre vos», engadiu.
Pedro Pinto, o presidente da Cámara de Paços de Ferreira (equivalente a alcalde), loou o intercambio e propuxo «profundar nas afinidades», desexou que as dúas xornadas de convivencia se desenvolvesen de «acordo coas expectativas» e desexoulle a todos que a noite de onte fose «espectacular no bo sentido da palabra». Finalmente dixo que era «coincidente nas simpatías» cos anfitrións. Pedro Pinto leva catro anos ao fronte da Cámara de Paços. Hai tres meses gañou as eleccións municipais por segunda vez consecutiva. É do Partido Social Demócrata (fundado en 1974 por Sa Carneiro), unha formación de centro dereita.
Logo entregoulle un agasallo ao alcalde zasense, Manuel Muíño, unha representación en prata do monumento ao moble do seu pobo, e outro ao presidente de Xan Mella.
Muíño Espasandín lembrou o a boa acollida que lle dispensaron en Portugal a el e máis a formación musical de Baio e destacou a importancia de coñecer outros municipios, sobre todo aqueles cos que se poidan ter «moitas afinidades». Manuel Muíño confesou que adoita pasar vacacións en Portugal e que sempre se encontrou «coma se non saíra da casa: se ben somos países distintos, temos problemas similares».
O alcalde de Zas manifestou diante dos membros e representantes das dúas corais que isto «non vai quedar así», xa que pretende profundar no irmandamento. E rematou dicíndolle aos visitantes que espera que leven tan boas lembranzas como el trouxo de Ferreira.