O Concello de Muxía dedícalle hoxe unha área de recreo en Viseo en agradecemento polo seu labor
28 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Jesús María Barrientos Antelo foi o primeiro alcalde que tivo Muxía en democracia, un posto que ocupou ata 1991. Como edil independente estivo no pleno ata as pasadas municipais. Agora o Concello de Muxía quere recordar a súa figura e o que fixo polo municipio dedicándolle unha área de recreo en Viseo. O acto será hoxe, ás doce do mediodía. O alcalde, Félix Porto, asegura que é merecedor desa homenaxe. «As obras que fixo quedaron aí», di, e afirma que é moito mellor recordar a xente en vida. Da mesma opinión é o resto da corporación, xa que a proposta aprobouse por unanimidade.
-¿Que lle parece que lle fagan esta homenaxe?
-Paréceme moi ben, sobre todo despois da enfermidade que padecín, que segue a ser mala. Este tipo de actos fanse cando un xa non está aquí. Estou agradecido ao alcalde e a todos aos concelleiros. Todos dixeron que si.
-A súa época como alcalde de Muxía tivo que ser ben distinta da actual.
-Eran tempos moi distintos. Non había democracia. Un informe dicía que as escolas que tiñamos eran as peores da provincia. Non tiñamos casa do mar, nin centro de saúde, nin cuartel da Guardia Civil, nin peirao.
-Agora vese distinta a realidade.
-E que hoxe temos pouco, pero temos cousas. Hoxe hai 103 aldeas pavimentadas por min. Antes o solo era de lama. Non había electrificación no rural. Marchaba a luz e non volvía en oito días.
-¿Recorda en especial algún detalle daqueles tempos?
-Cando cheguei empezamos a coidar dos nosos pobres e dos nosos vellos, pagando medicinas para todo o mundo. Agora temos boas escolas, dique de abrigo, carreteiras para levar ao colexio aos nosos nenos desde o último rincón.
-Tamén cambiarían as formas coa democracia.
-O respecto á xente foi moi superior. Estou moi satisfeito, cumprín coa miña obriga, dediquei gran parte da miña vida a axudar aos demais.
-¿Algo que lle guste recordar de tantos anos en política?
-Ninguén dixo nunca de min que fixera mal. Aínda hoxe moitos nas aldeas chámanme o meu alcalde, e iso é unha satisfacción que non se paga con nada. Paseino ben na vida, pero fixen que outros o pasaran ben.