O rexedor fisterrán ven de asumir o cargo de deputado, un posto que xa ostentou o seu antecesor, Valentín Castrege
22 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.José Manuel Traba Fernández (Fisterra, 1966) é alcalde fisterrán desde o 2002. Dende o mes de outubro é tamén deputado provincial. Recorda Traba que esta é a segunda vez na historia de Fisterra que un rexedor local acada ese cargo. Antes fixérao, durante un mandato, o seu antecesor e mentor político, Valentín Castrege.
-¿Que suporá o seu nomeamento?
-Estamos na oposición na Deputación, pero sempre se pode aportar algo, porque a maioría das cousas van consensuadas e discutidas aos plenos.
-Entón non é como nos plenos municipais.
-Na Deputación está todo moi lexislado e hai un exército de funcionarios. Alí non se vive o día a día cos problemas cotiáns. É unha administración menos achegada que os concellos.
-Alcalde e deputado. ¿Como empezou en política?
-Entrei en 1999 como concelleiro de Cultura con Valentín Castrege como alcalde, de quen aprendín moito. Entón estabamos en minoría, e iso dá moitas táboas para dialogar. Eu nin era militante nin participaba na política activa. A primeira liña non era algo que me chamara, pero si facer cousas co desexo de mellorar o meu pobo.
-Como na súa etapa na Cruz Vermella e en Protección Civil. ¿Algún recordo especial daquela época?
-No Casón participei na segunda quenda de salvamento. Non había moitos medios, unha ambulancia, unha lancha e pouco máis. Tamén recordo no 87 un naufraxio fronte a Lira. Oíamos morrer a xente, pero non tiñamos a lancha para poder axudalos.
-¿Como se chega desde a bioloxía ata a alcaldía?
-Sempre me tirou o tema do mar. Fixen bioloxía e especialiceime en zooloxía mariña. Ao acabar a carreira din clases particulares, educación para adultos en Fisterra e logo empecei a traballar con colexio e para a confraría.
-Pero sempre en Fisterra. ¿Non buscou traballo fóra?
-E que eu son moi fisterrán. Logo empecei a traballar facendo plans marisqueiros en Fisterra, en Corcubión e en Camariñas, e despois din cursos de formación de manipulación de produtos pesqueiros.
-Todo iso interrompeuse coa morte de Valentín Castrege.
-Collín a alcaldía. Non foi fácil. Valentín non tiña soldo como alcalde, e eu herdei iso. Logo chegou o Prestige . Debín ser o único alcalde que cobrou como damnificado do Prestige . Entón eu traballaba para a confraría.
-¿Que sensabores recorda dos seus anos na política?
-Por desgraza, os intereses políticos contaminan moitas cousas da vida real.
-¿Un exemplo?
-Actuando de boa fe, podes acabar no xulgado por un asunto de urbanismo, como fixeron con nós por mala leite política. Non lles importaba arruinar a un Concello.
-Tamén habería partes positivas na última década.
-As partes positivas son, sobre todo, as obras, o cambio que se lle está a dar a Fisterra, conseguir o recoñecemento de Patrimonio Europeo. Tamén estou orgulloso de como quedou a zona portuaria. Fíxose con cariño e respectando o que tiñamos.
-Alcalde, deputado, o GAC. ¿Ten tempo?
-Tes que multiplicarte, pero ao final acostúmaste a ese ritmo. Tamén tiven sempre un goberno moi equilibrado capaz de atender aos asuntos que fagan falla.