«A música é coma se fose un amigo moi íntimo»

CARBALLO

Impartiu clases de piano e acordeón dende o ano 1991 no Conservatorio Profesional de Música de Carballo

11 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O pasado venres, amigos e compañeiros de profesión rendéronlle homenaxe a Manuel Bello Souto (Pastoriza, A Coruña) polo seu bo facer no Conservatorio Profesional de Música de Carballo. «Demostráronme moito cariño», recoñece. Agora, con 66 anos, comeza outro tempo diferente, pero o que non cambiará é o seu gusto pola música. -Coma quen di, ábrese unha nova etapa. -Levo bo recordo de alumnos, de compañeiros, de pais, de todo. A de Carballo foi unha etapa estupenda, custoume bastante tomar a decisión, pero esta que comeza tamén penso que pode ser bonita e a única forma de comprobalo é vivíndoa. -¿Cando comezou a impartir en Carballo? -No 1991, piano e acordeón. Nunca fora profesor antes de chegar a Carballo, aínda que si daba clases particulares, por exemplo. -¿Dende cando lle gusta a música? -Comecei sobre os 7 ou 8 anos. Logo ía ata A Coruña un par de veces por semana para ir aprendendo acordeón. Máis tarde tamén estudei piano. Con 12 anos, no 1955, comecei a tocar en orquestras, tamén no Hotel Embajador, detrás do Teatro Colón de A Coruña. Dei concertos en hoteis, pubs e mesmo toquei seis en cruceiros por toda Europa. -A formación nun centro é bastante diferente. ¿Como foi a experiencia? -Moi boa, pola experiencia en si e porque en Carballo deixo tamén moi bos amigos. Mellor dito, non os deixo, porque teño pensado pasar a visitalos a miúdo. -¿Como mudou a ansia de aprender música en Carballo dende o 1991 en que chegou ao conservatorio? -Foi sempre in crescendo, cada ano un pouco máis. Todos os alumnos foron moi bos, non só os de Carballo, tamén os chegados de Malpica, Cee, Baio, Camariñas e moitos outros sitios. Hai moitos rapaces, uns que sairán músicos e outros que estudan para ter uns coñecementos musicais. -¿O que ten futuro nótase, entón? -De seguido. Estúdano, trabállano, non só por entretemento. Hai moitos alumnos que destacaron e están destacando. Hai que ter unha sensibilidade especial, un oído afinado, un sentido rítmico axeitado. É moi importante a motivación dos rapaces, que saiban a importancia da música e de poder gozala. A música é coma se fose un amigo íntimo. -¿Que fará agora? -Temos unha pequena asociación aquí onde vivo, un proxecto máis ben dirixido a maiores, co que conformamos unha orquestra que presentaremos o día 27.