Confiado por natureza

José Manuel Canedo Aguiar

CARBALLO

Son unha persoa confiada por natureza. Confío na profesionalidade dos profesionais. Teño un fontaneiro de cabeceira, panadeiro de cabeceira... Médico non, pois estanmo a cambiar cada 6 (2x3). En xeral confío nas persoas. Lémbrome que de rapaz ía para o instituto con Mariano do Cura e Mariano tiña unha irmá que me gustaba moito. Só o sabiamos eu e o meu mellor amigo, o fillo da miña nai, ou sexa eu só. Pois iso, íamos andando e ao lonxe vin un billete de 20 pesos (¿lembrádesvos?, os marróns). E dixen «hostia un billete de 100 pesetas». Mariano correu como unha bala, e díxome: «Víchelos ti, pero collinos eu e agora son meus». Automaticamente a súa irmá deixou de gustarme. El non, pois xa non me gustaba.

Seguín a ser confiado. Mariano precisaba demostrar que non era de fiar e eu dinlle a oportunidade. Anos despois, nunha verbena, eu estaba a bailar cunha moza. Eran aqueles tempos nos que se levaba pedir o baile, o home á muller. Unhas veces dicíanche que si e outras que non. Eu bailaba pouco. O dito, estaba a bailar e nunha mirada ao chan, vin un billete de mil pesetas. Non quería deixar á moza no medio da peza e, o mesmo tempo, tiña medo que viñera Mariano do Cura por alí. Por alí pasou Chucho da Jauvea, un coñecido meu. Fíxenlle un sinal, sinalando o billete, colleu o sinal á primeira e colleu o billete tamén á primeira. Meteuno no peto e esperoume. Ao acabar díxome: «Toma é teu». E eu respondín: «Non, é dos dous».

Seguín a ser confiado, Chucho da Jauvea precisaba demostrar que era de fiar e eu dinlle a oportunidade. Somos grandes amigos e ademais eu co tempo casei coa súa irmá.