A ceense Rocío Leira gañou na parroquia muradá de Abelleira un novo galardón no eido do relato curto

J. M. Sande

FERROL CIUDAD

A autora ceense Rocío Neira Castro foi a gañadora do terceiro certame de relatos curtos A Orola, que promove a asociación cultural Fonte Vella da parroquia muradá de Abelleira. Ao concurso presentáronse seis obras de autores residentes en Ferrol, Lug o, Santiago e A Coruña, polo cal, o xurado do certame acordou facer un chamamento aos amantes da literatura da comarca para que se sumen a esta iniciativa nas vindeiras edicións do mesmo.

A obra gañadora ten por título

O alpendre dos soños

, e nela, a autora narra as vivencias persoais dunha muller afastada do marido pola emigración. A nostalxia que sente, a desazón que lle provoca a separación, os problemas aos que se ten que afrontar soa, xunto á ledicia que, pensa, lle suporá o reencontro, centran a trama desta histori

a. O xurado desta edición do certame, presidido pola deputada Caridad González, destacou a calidade literaria da maior parte das composicións que optaron ao premio. Da obra gañadora destacou a perfecta construción sintáctica, o emprego axeitado da lingua, o xogo dado á mestura da idealización e a realidade e a sinxeleza dunha exposición ficticia, pero moi cotiá en toda a comarca muradá. A directiva da asociación cultural Fonte Vella ten previsto facer a entrega do premio á gañadora o vindeiro 17 de outubro, ás sete da tarde, no local social de Sorribos, en Abelleira, no decurso dunha festa cultural. Ademais do galardón distintivo, a gañadora recibirá un premio en metálico. A asociación de Abelleira está formada por un grupo de mozos da parroquia muradá que pretenden encher un oco que eles consideran primordial para acadar o desenvolvemento de calquera pobo, dinamizando culturalmente a localidade.