A poesía e a paisaxe da Costa da Morte, xuntas en Google Earth

CARBALLO

19 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Nas entrevistas aos escritores da Costa da Morte moitas veces se lle ten preguntado se este territorio costeiro, enfeitizado, marca a súa creación. Pois ben, nalgúns casos si e noutros quizais non tanto. Non entanto, agora, grazas aos avances da tecnoloxía, as dúas cousas pódense combinar. E comparar.

O portal culturagalega.org adaptou para Google Earth -supón xa, de por si, un paso máis logo do Google Maps- varias pezas da antoloxía poética De Pondal ao Batallón Literario: 120 anos de poesía na Costa da Morte. A obra, editada por Soutelo Blanco, coeditada pola asociación Neria e coordinada por Miro Villar e Modesto Fraga, reivindica o pasado e o presente da poesía da comarca e, namentres, esta nova iniciativa o que fai é reivindicar esta franxa litoral como paisaxe literaria. O resultado pode verse no mencionado portal, baixo o nome de Cando podes voar coa poesía. Sen dúbida, moi apropiado.

Do que se trata é de viaxar no espazo, pola xeografía da Costa da Morte e, en puntos clave, irán aparecendo unhas iconas sobre os que picar. É, por dicilo dun xeito claro e en poucas palabras, unha especie de percorrido visual polas grandes letras que teñen deixado todos aqueles autores que foron escribindo ao longo dos 120 anos que abarca o libro.

Trazando liñas

En cada un deses puntos despregarase, xa que logo, algún dos traballos nel incluído. Trátase dunha selección, dado o extenso da panorámica que trazaron Villar e Fraga, pero, dende logo, xa é de valorar o feito de ser este, probablemente, un dos primeiros poemarios que se ofrece con esta aplicación. Unha mostra de que a rede dispón de ferramentas coma esta que, malia o que se puidera pensar, permiten ir moito máis alá da búsqueda dunha ubicación concreta. É o que fai culturagalega.org con esta iniciativa, buscar puntos de contacto entre a literatura, a paisaxe e as novas tecnoloxías. Tamén liñas tiveron que trazar os que se encargaron da escolma de textos para a antoloxía. No tempo da súa presentación -e houbo varias-, sinalaba Miro Villar, que tivo que limitar o ámbito da Costa da Morte ao territorio sobre o que hai máis consenso: entre as Sisargas e Fisterra. Sobre ese mesmo feito insistiu nun recital do poemario, hai ben pouco, na Praza dos Libros en Carballo.

Agora, enriba das nosas terras, poderá lerse a nosa poesía, aquela máis relevante, con autores vivos e outros xa falecidos, que escribiron logo de Eduardo Pondal, algúns deles formando parte do Batallón Literario.